A Xunta realiza actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Barcés ao seu paso polo concello de Abegondo

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executa actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Barcés, ao seu paso polo concello de Abegondo.
Estes traballos estanse a desenvolver nun treito deste río de preto de 800 metros de lonxitude, ao seu paso pola parroquia do Sarandóns, no lugar de Aquelabanda.
As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos, así como na recollida do lixo do leito. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-norte e as súas zonas de acceso e protección.
Esta intervención contribuirá á mellora do leito fluvial para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.
 

Imaxes relacionadas