A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,30 h de hoxe

Permanece activo o incendio do concello lucense de Folgoso do Courel, parroquia homónima, que rolda as 70 hectáreas

Quedou extinguido o lume do municipio ourensán de Lobios, parroquia de Río Caldo, que afectou 0,1 hectáreas arboradas do Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2021

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,30 h de hoxe.

Folgoso do Courel

Continúa activo, dende que se iniciou ás 04,50 h desta madrugada, o incendio rexistrado no municipio lucense de Folgoso do Courel, parroquia homónima. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie dunhas 70 hectáreas. Ata o de agora desprazáronse á zona para controlalo 1 técnico, 6 axentes, 18 brigadas, 8 motobombas, 7 avións e 2 helicópteros.

Lobios

Quedou extinguido ás 16,44 h desta tarde o lume que se orixinara ás 08,46 h no concello ourensán de Lobios, parroquia de Río Caldo. Finalmente, afectou 0,1 hectáreas arboradas do Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés. Para o seu control mobilizáronse en total 1 axente, 5 brigadas, 2 motobombas e 1 helicóptero.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.