O Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 impulsará máis dun millar de actividades presenciais con 3 M€ na súa segunda edición

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, avanzou hoxe a resolución da segunda convocatoria que se publicará nos vindeiros días

A iniciativa posta en marcha ao comezo da pandemia a través do Plan de Reactivación Cultural incrementa o seu orzamento para colaborar estreitamente cos profesionais do sector

Apóianse formatos presenciais e dixitais que comezarán a funcionar este mesmo mes e que inclúen concertos, danza, monicreques, espectáculos literarios, proxectos audiovisuais, álbums ilustrados, documentais ou a publicación de libros, entre outros moitos

Os beneficiarios divídense entre autónomos, empresas culturais, asociacións sen ánimo de lucro e cooperativas e deberán completar o seu traballo antes de que remate o ano

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 201

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia impulsará máis dun millar de actividades presenciais a través da segunda convocatoria do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, o programa da Xunta de Galicia posto en marcha no marco do Plan de Reactivación cultural que na súa segunda edición conta cun orzamento de 3M€. O obxectivo é apoiar ao tecido cultural e inxectar liquidez nas empresas ao tempo que se configura unha oferta de lecer en galego, ampla, plural e de calidade.

O responsable de Cultura do Goberno galego, que estivo acompañado pola comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, e polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, avanzou que esta nova edición, cuxa relación se publicará nos vindeiros días, volverá a funcionar este mesmo mes como "un motor de impulso para o sector cultural". Así, precisou que se colaborará con máis de 260 proxectos que permitirán a programación de máis dun millar de actividades presenciais que arrancarán este mesmo mes de xuño e inclúen desde obras de teatro, contacontos ou sesións de maxia a exposicións, concertos e pases de danza.

"Estamos moi contentos porque nesta segunda edición a acollida por parte dos profesionais tamén foi moi boa, o que demostra o importante interese do sector nesta iniciativa pioneira", afirmou Román Rodríguez. Do mesmo xeito, engadiu que é precisamente esta diversidade a que permite ofrecer un “abano amplo e transversal que chega a todas as áreas da cultura e que busca impulsar a nosa industria cultural compaxinando eventos de gran escala que atraian o foco a Galicia coas de menor escala que posibilitarán que a actividade se espalle por todo o país e no rural”.

A segunda convocatoria en cifras

Esta segunda edición, tal e como explicou Román Rodríguez, funcionará como unha prolongación da primeira, aínda que cun maior protagonismo das accións culturais que poden celebrarse ao aire libre, xa que as condicións epidemiolóxicas son máis favorables. Así, tal e como ocorreu na primeira edición, este repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego está dispoñible para todas as ramas do sector cultural con tres liñas de traballo.

A primeira delas, para proxectos no ámbito dixital, con preto de 130 proxectos aprobados representa o 50% das iniciativas apiadas e engloba iniciativas como documentais, audiovisuais e produtos pensados para a súa proxección nas redes sociais. A segunda modalidade correspóndese con aquelas iniciativas que se poderán celebrar de xeito presencial. Tal e como se explicou na presentación, esta será a primeira liña de traballo en poñerse en marcha aproveitando a época estival. Concentra un centenar de proxectos, o que supón preto dun 40% do total, entre os que se inclúen accións musicais, obras teatrais, exposicións, etc.

A terceira das liñas, aproximadamente unha trintena de propostas que supoñen o 10% do repositorio, é a que xira arredor dos proxectos materiais como a edicións de libros, discos e todo tipo de realizacións en formato físicos que son comprados pola Xunta de Galicia para proceder a súa distribución e colocalos en lugares de referencia como poden ser biblioteca públicas ou centros de ensino.

"O obxectivo do fondo é dar a posibilidade a profesionais e empresas galegas de todos os ámbitos da cultura de traballar e de producir os seus proxectos neste contexto tan especial marcado pola pandemia", sinalou o conselleiro antes de engadir que se trata dunha iniciativa que fomenta a diversidade cultural apoiando iniciativas que van desde concertos, espectáculos literarios e proxectos audiovisuais ata álbums ilustrados, documentais, libros e mesmo a reedición facsimilar da carta xeométrica de Domingo Fontán con motivo do seu aniversario.

Máis de 600 sesións musicais

Entre as actividades que impulsará a Xunta de Galicia a través deste Fondo de Proxectos Culturais haberá máis de 600 sesións musicais, entre concertos e obradoiros; máis de 600 representacións de teatro, contacontos, espectáculos de humor, sesións de maxia ou monicreques, preto de 120 accións vinculadas á divulgación científica, unha quincena de exposicións, máis dunha vintena de iniciativas para de animación para a lectura, etc.

Todo isto quedará distribuído entre beneficiarios moi diversos que teñen ata o mes de decembro para completar o seu traballo e entre os que se inclúen 100 autónomos, preto de 115 empresas do sector cultural, máis de 35 asociacións sen ánimo de lucro e unha ducia de cooperativas.

Unha das principais novidades da convocatoria que se resolve agora é o incremento de 500.000€ no orzamento asignando, chegando así a unha dotación total de 3M€. Ademais, tamén aumenta sensiblemente a axuda que poden conseguir os beneficiarios, pasando de 10.000€ a 15.000€ no caso de empresas, cooperativas, autónomos con persoal contratado ou entidades sen ánimo de lucro con persoal contratado, e de 4.000€ a 6.000€ no caso dos autónomos sen empregados e empresas unipersoais facendo especial fincapé nos novos creadores ou en iniciativas promovidas por mulleres ou que fomenten, ademais dos puramente lingüísticos e culturais, valores como a igualdade de xénero o respecto polo ambiente e o Xacobeo 21-22.

Outra das novidades deste ano foi a diminución nos prazos de presentación co obxectivo de un apoio inmediato ao sector e inxectar liquidez nas empresas o antes posible, paliando así os fortes efectos da pandemia no sector cultural.

Imaxes relacionadas