A Xunta adxudica a redacción do proxecto construtivo para a protección da marxe dereita do río Valga coa fin de minimizar o risco de asolagamento neste municipio

Partirá do anteproxecto elaborado por Augas de Galicia no marco do plan específico para a xestión da área fluvial do río Ulla-Sar, de especial risco de inundacións

Deseñaranse as actuacións para a protección fronte ao desbordamento, coa demolición do muro existente nesa marxe do río, inmediatamente augas arriba da estrada N-550, e a súa substitución por un muro sobre o que se aplicarán técnicas de bioenxeñería
 

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou a redacción do proxecto construtivo para a protección da marxe dereita do río Valga de cara a minimizar o risco de asolagamento neste municipio pontevedrés.
O contrato foi adxudicado á empresa, Ain Active, S.L.U., por importe de preto de 18.000 euros. O prazo de execución é de 8 semanas.
Trátase de impulsar as actuacións para reducir o risco de asolagamento no concello de Valga, deseñadas por Augas de Galicia no marco do Plan de xestión específico de risco de inundacións para área fluvial do río Ulla e río Sar, declarada de risco potencial significativo de inundacións.
O contrato céntrase no desenvolvemento ao detalle da solución incluída no citado plan e sobre a base do anteproxecto elaborado por Augas de Galicia. A actuación consiste na demolición do muro existente na marxe dereita do río Valga, inmediatamente augas arriba da estrutura da estrada N-550, e a súa substitución por un muro sobre o que se aplicarán técnicas de bioenxeñería.
Nos traballos que se desenvolverán neste contrato proporase a construción dunha variante de muro tipo ‘krainer', que consiste nunha técnica de bioenxeñería baseada en materiais biodegradables, que terá función exclusivamente de protección fronte ás posibles inundacións. Deste xeito, construirase un muro verde cunha altura 0,5 metros maior á actual e dunha lonxitude aproximada de 40 metros, cunha cota de vertedura de 30,5 metros.
Avaliación de riscos permanente
Augas de Galicia redacta e revisa cada seis anos a avaliación preliminar do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. Desde o 1 de maio e ata o vindeiro 30 de xullo está aberto á participación pública o novo Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027, que se agarda aprobar a finais de ano.


En paralelo, Augas de Galicia desenvolve os plans específicos de xestión en 9 zonas fluviais con maior risco de inundacións. Trátase das contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; Anllóns, en Carballo; Campeda, en Vimianzo; Bahíña e o Groba, en Baiona; Lagares, en Vigo; Fontecova e Trasposta, en Viveiro; e o río Ulla-Sar, tanto en Valga, como en Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Catoira e Pontecesures.
Estes plans recollen medidas e actuacións paliativas e preventivas de aplicación polas distintas administracións, Xunta e concellos, para minimizar o risco de enchentes.
A Xunta segue apostando pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.