A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou o funcionamento do dispositivo na estación de autobuses de Vilagarcía, pola que pasan 500 rutas e máis de 56.000 viaxeiros ao ano

Ethel Vázquez destaca que máis de 1.100 mozos do Salnés viaxan gratis por toda Galicia coa Tarxeta Xente Nova que lles permite aforros de ata 1.500 euros ao ano

Vázquez Mourelle subliña que con este dispositivo todos os menores de 21 anos teñen dereito a realizar ata 60 viaxes ao mes de balde nas máis de 3.100 liñas de autobús renovadas que xestiona a Xunta

Avanza que a Xunta quere impulsar de xeito coordinado co Concello a intermodalidade entre o autobús e o tren e sacarlle a máxima rendibilidade á proximidade entre as dúas estacións, que se atopan a uns 300 metros de distancia

Amosa a preocupación por que o Goberno central, pese a que xa non hai estado de alarma nin restricións de mobilidade, segue sen repoñer os servizos de tren previos á pandemia

Comparte a demanda de que os trens que van de Vigo a Madrid teñan parada obrigada en Vilagarcía e di que a decisión do Goberno de España “debe ser revisada e rectificada”
 

Vilagarcía de Arousa, 11 de xuño de 2021.-

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe en Vilagarcía que máis de 1.100 mozos da comarca do Salnés viaxan gratis por toda Galicia coa tarxeta Xente Nova da Xunta, que lles permite aforros de ata 1.500 euros ao ano.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe na estación de autobuses de Vilagarcía de Arousa o funcionamento da tarxeta Xente Nova, que permite viaxar gratis os menores de 21 anos por toda Galicia no autobús interurbano da Xunta.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade lembrou que ata hai tres semanas esta tarxeta estaba operativa nas áreas de transporte metropolitano, na provincia de Ourense e en 13 concellos da área de Pontevedra. E desde agora, subliñou, é unha realidade en toda Galicia, desde que o pasado 21 de maio se estendeu a súa cobertura territorial aos 313 concellos da Comunidade.

Tal e como explicou a conselleira, isto significa que os mozos de Vilagarcía de Arousa menores de 21 anos se poden desprazar de balde no autobús da Xunta cara aos concellos veciños de Vilanova, Cambados, O Grove ou Ribadumia; pero tamén cara ás cidades de Santiago, de Pontevedra ou de Vigo, ao igual que desprazarse gratuitamente a cada un dos concellos galegos.
Subliñou que empregando a tarxeta Xente Nova todos os mozos galegos, vivan onde vivan, teñen dereito a realizar ata 60 viaxes ao mes de balde en calquera das máis de 3.100 liñas de autobús renovadas que xestiona a Xunta.

Puxo o acento na conquista social que supón, na práctica, facilitar á mocidade galega o acceso a servizos básicos como a educación e a sanidade, pero tamén ás actividades culturais e sociais. Tamén incidiu no que supón de revulsivo no uso do transporte público por parte dos máis novos, e fixo fincapé no alivio que supón e a axuda económica moi importante para as familias.

Detallou que unha familia dun rapaz de Vilagarcía que se despraza todos os días a estudar a Pontevedra terá un aforro de 750 euros ao ano no transporte público da Xunta nos 9 meses de curso lectivo, ao empregar a Xente Nova, coa que esas viaxes lle saen gratis. No caso dun mozo de Vilagarcía que estude en Santiago, o aforro ascende a 1.200 € ao ano, e se se despraza a estudar a Vigo o aforro que obtén coa tarxeta Xente Nova increméntase ata os 1.500 € ao ano.

Precisou que, a día de hoxe, 280 mozos de Vilagarcía xa dispoñen da tarxeta Xente Nova, dispositivo que se ten incrementado neste municipio, substancialmente, en maio e no que se leva de xuño, chegando a multiplicarse case por catro con respecto a abril o seu número. Cifra de mozos que se espera incrementar nas próximas semanas e meses, que poden solicitar esta tarxeta nalgunha das 213 oficinas de Abanca habilitadas para viaxar de balde no autobús da Xunta.

A conselleira resaltou a aposta do Goberno galego polo transporte público, que se traduce, tamén, en servizos máis modernos e adaptados ás necesidades da xente, ademais de na mellora das infraestruturas e no impulso da intermodalidade, para incentivar o seu uso.

Avanzou que a Xunta está a avaliar en Vilagarcía de Arousa as distintas posibilidades para potenciar a intermodalidade entre o autobús e o tren e sacarlle a máxima rendibilidade “a esa fortaleza” que supón a proximidade entre as dúas estacións, que se atopan a uns 300 metros de distancia. Pola estación de buses pasan 500 rutas e máis de 56.000 viaxeiros ao ano, dixo. Indicou que a Xunta quere impulsar esa mellora das comunicacións entre terminais de xeito coordinado co Concello.

Ethel Vázquez amosou a preocupación da Xunta por que o Goberno central, pese a que xa non hai estado de alarma nin restricións de mobilidade, segue sen repoñer os servizos de tren previos á pandemia. Na Xunta, desde o 10 de maio, restablecéronse a totalidade dos servizos de autobús interurbano, de competencia autonómica.

A conselleira tamén compartiu a demanda do propio alcalde de que os trens que van de Vigo a Madrid teñen que parar en Vilagarcía. Defendeu que Vilagarcía debe ser parada obrigada do tren, polo que a decisión do Goberno de España “debe ser revisada e rectificada”, remarcou.

Imaxes relacionadas