A Xunta colabora na ampliación e instalación de novos xogos no parque infantil de Guntín

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, as melloras levadas a cabo no concello ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público

O Goberno galego financia a través desta orde a creación ou mellora das infraestruturas vinculadas á prestación de servizos municipais, así como a dotación de equipamento
 

Guntín (Lugo), 10 de xuño de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, as obras realizadas en Guntín para ampliar o parque infantil desta localidade, así como dotalo de novos xogos. A Xunta apoiou estas actuacións con preto de 36.000 euros ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público.

O concello de Guntín dispón de dous parques infantís, un en Lousada e outro na capital do municipio, pero este último estaba moi deteriorado e precisaba de novos xogos de diversión homologados, sobre todo para os rapaces de máis de 12 anos. Coa axuda da Xunta colocouse unha nova pavimentación, pechouse perimetralmente o espazo de xogo e colocáronse novos elementos de lecer.

O Goberno galego colabora co concello neste proxecto destinado a reforzar os servizos para o ocio infantil e co que se pretende tamén fomentar o impulso demográfico e a práctica de actividade deportiva. Natalia Prieto engadiu que, ademais, axudará a que os nenos socialicen nun concello onde os núcleos de poboación están moi dispersos, de aí a importancia de dotar os veciños de puntos de encontro e de esparexemento.

A Xunta financiou estes traballos no marco da Orde de Infraestruturas de uso público, coa que apoia as iniciativas dos concellos galegos para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

Na convocatoria deste ano, o Goberno galego mantén o orzamento de 4 millóns de euros que destinou o ano pasado a esta liña de axudas,
despois de incrementalo en 2020 nun millón de euros respecto do orzamento do 2019.

O Concello de Guntín recibiu nos últimos anos case 390.000 euros das diferentes liñas da Vicepresidencia Primeira. Tanto a través da Orde de Infraestruturas de uso público, coa mellora deste parque ou de edificios de uso comunitario e de prazas públicas, como do Fondo de Compensación Ambiental, colaborando na adquisición de maquinaria, na eficiencia enerxética ou na creación dunha área recreativa.

A directora xeral de Administración Local destacou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e a local, que é a que mellor coñece as necesidades e demandas da veciñanza, xa que grazas a estas axudas, os concellos galegos levan a cabo actuacións que repercuten en melloras directas para o día a día dos cidadáns e que non se poderían levar a cabo en moitas ocasións se non fose pola colaboración entre a Xunta e os concellos.

Imaxes relacionadas