Feijóo anuncia unha nova convocatoria do Bono Autónomo cun orzamento de 5,5 M€ para beneficiar a 2.000 profesionais con axudas de ata 3.000 euros

Avanza que o día 14 de xuño se abrirá o prazo para a solicitude das axudas do 3º Plan de rescate, aprobado a semana pasada polo Consello da Xunta e financiado con fondos do Goberno central

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, unha nova convocatoria do Bono Autónomo cun orzamento de 5,5 millóns de euros para beneficiar a 2.000 profesionais con axudas de ata 3.000 euros.

Tras destacar que a iniciativa se pon en marcha por quinto ano consecutivo e que o único requisito será unha antigüidade superior aos 42 meses, Feijóo avanzou que a convocatoria se abrirá nas vindeiras semanas “apoiándose os gastos que se teñan realizado desde o día seguinte da súa publicación ata o 31 de decembro de 2021”.

Máis polo miúdo, o presidente da Xunta explicou que o Bono Autónomo permitirá financiar distintas actividades como: o desenvolvemento de servizos destinados á investigación de mercado e plans de marketing, comunicación, estratexia, crecemento, refinanciamento ou reorientación do negocio; e financiar investimentos relacionados coa compra de maquinaria, ferramentas, equipos informáticos ou rótulos.

Tamén se apoiarán investimentos para a reforma do local, a posta en marcha de aplicacións informáticas e páxinas web ou a creación de logotipos do negocio, así como a adquisición de mobiliario.

Para concluír, Feijóo avanzou que o día 14 de xuño se abrirá o prazo para a solicitude das axudas do 3º Plan de rescate, aprobado a semana pasada polo Consello da Xunta e financiado con fondos do Goberno central.

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta