A Xunta presenta o campo de voluntariado de Monterrei, centrado na arqueoloxía e na posta en valor do castelo

Inclúe un completo programa de actividades con rutas, visitas de interese e xogos de convivencia

É unha das 13 novas propostas que suman este ano á Campaña de Verán

Monterrei (Ourense), 9 de xuño de 2021

A directora xeral de Xuventude Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presentou hoxe o campo de voluntariado Castelo de Monterrei, enmarcado na Campaña de Verán da Xunta de Galicia. Esta iniciativa, que se centra na arqueoloxía e procura por en valor a contorna deste monumento emblemático, inclúe un programa de actividades completo con rutas, visitas de interese ou xogos de convivencia.

O campo de voluntariado que acollerá o concello de Monterrei é un dos 13 novos campos que se suman este ano como novidade á Campaña de Verán, que a través do total de actividades programadas ofrece máis de 7800 prazas. Todos os campos de voluntariado contarán con 12 participantes para favorecer que se cumpran as medidas de prevención fronte á Covid-19.

As mozas e mozos que asistan a este campo de voluntariado formarán parte dun equipo de profesionais da arqueoloxía que levan tempo na procura dos restos máis antigos do Castelo dos Condes de Monterrei, do século XII. Con eles poderán adentrarse na metodoloxía arqueolóxica e coñecer as técnicas auxiliares empregadas para recuperar toda a información dun monumento.

Ademais, os participantes no campo Castrelo de Monterrei poderán desfrutar de actividades complementarias como rutas termais, en bicicleta ou polo sendeiro ao Pozo do Demo, e visitas a unha bodega da Denominación de Orixe de Monterrei e ao parque Natural do Invernadoiro.

A directora xeral de Xuventude Participación e Voluntariado destacou durante o acto que os campos de voluntariado axudan a promover a educación en valores, asentar a cultura solidaria, fomentar o traballo en equipo e impulsar a preocupación por manter a salvo o medioambiente e infraestruturas de tanto significado como o Castelo de Monterrei.

Campos de voluntariado

Para os campos de voluntariado que teñan lugar en Galicia o prazo de inscrición estará aberto ata cinco días antes do comezo de cada un. Para os que se celebran noutras comunidades autónomas habilítanse dúas convocatorias: a primeira delas rematou o pasado día 21, mentres a segunda abriuse o 1 de xuño e pechará cinco días antes do inicio do campo.

A solicitude presentarase mediante un formulario en liña e cada persoa solicitante deberá escoller, por orde de prioridade, ata un máximo de cinco campos de voluntariado. As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de recepción.

Imaxes relacionadas