A Xunta destina 104.000 euros a Down Vigo para a promoción da vida autónoma das persoas con discapacidade
Achegouse a coñecer de primeira man as actividades e programas que desenvolven nas súas instalacións
O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado da delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou esta tarde a sede de Down Vigo, á que a Xunta destina neste ano 2021 un total de 104.000 euros para promover a vida autónoma das persoas con discapacidade usuarias desta entidade.
O director xeral destacou que Down Vigo ten demostrado ser un aliado fundamental do Goberno galego na procura dunha sociedade máis xusta, solidaria e igualitaria. Neste sentido, agradeceu a súa implicación e traballo e animounos a seguir facendo da nosa Comunidade un mellor lugar para vivir.
González Abeijón aproveitou a súa visita para visitar as actividades e terapias que se realizan nos centros desta entidade, así como a algún dos seus usuarios. Down Vigo ofrece un amplo programa de proxectos que atende desde os primeiros anos dun neno con Síndrome de Down ata as idades máis avanzadas.