A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado territorial, Gonzalo Trenor, supervisou hoxe o funcionamento da tarxeta Xente Nova na estación de buses

A Xunta remite ao Concello e a Adif unha proposta de convenio para axilizar a tramitación da intermodal da Coruña e facilitar o investimento de 17,5 M€ na nova terminal de autobuses

Vázquez Mourelle adianta que a proposta simplifica a tramitación pendente, ao xuntar nun único acordo a construción da estación de autobuses e o proxecto de elementos comúns, que se encargaría de executar a Administración autonómica

Agarda unha resposta positiva a este acordo “para que a cidade da Coruña se suba á intermodalidade canto antes”

Subliña as vantaxes do impulso do transporte público na área da Coruña co Plan de transporte metropolitano, a entrada dos buses ao centro da cidade e a renovación integral das liñas de bus interurbano

Destaca que 23.500 mozos da área da Coruña viaxan de balde polos 313 concellos no bus da Xunta coa extensión da tarxeta Xente Nova, que triplicou en maio o número de dispositivos expedidos con respecto a abril

A Coruña, 8 de xuño de 2021

A Xunta remitiu hoxe ao Concello da Coruña e a Adif unha proposta de convenio para axilizar a tramitación da intermodal da cidade e para facilitar as obras da terminal de autobuses, ás que a Administración autonómica destinará 17,5 millóns de euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, avanzou hoxe esta proposta, coincidindo coa visita á estación de autobuses da Coruña para supervisar o funcionamento da tarxeta Xente Nova. Este dispositivo, que permite que os menores de 21 anos poidan viaxar gratis nos autobuses da Xunta, estendeu a súa aplicación a todas as liñas da Comunidade o pasado 21 de maio.

Vázquez Mourelle destacou a forte aposta polo transporte público que está a facer a Xunta, ofrecendo máis e mellores servizos aos cidadáns e mellorando, tamén, as infraestruturas. Así, sinalou que de xeito parello á mellora dos servizos de transporte, o Goberno galego está a dotar as principais cidades galegas de novos equipamentos e estacións de autobuses modernas, que permiten a intermodalidade no transporte.

A conselleira apuntou o traballo do Goberno galego por incorporar a cidade da Coruña ao mapa da intermodalidade, superando os retrasos acumulados e apostou por traballar agora con axilidade e simplificando os trámites pendentes.

Con ese obxectivo, a Xunta propón o convenio remitido hoxe ao Concello e a Adif, para a súa avaliación. Trátase dunha proposta que simplifica e que aúna nun único convenio a construción da estación de autobuses e o proxecto de elementos comúns, que se encargaría de executar, en ambos os dous casos, a Xunta.

O obxectivo é reducir a tramitación e reducir os prazos, ao ser unha única administración, a autonómica, a encargada da xestión e execución das obras da estación de autobuses e dos elementos comúns. Na comisión técnica de seguimento da estación intermodal da Coruña, convocada para mañá, o Goberno galego explicará os detalles da proposta.

Ethel Vázquez indicou que o Goberno galego agarda a resposta positiva a esta proposta, xa que ten por obxectivo simplificar e axilizar a tramitación “para que a cidade da Coruña se suba á intermodalidade canto antes” e para que a Administración autonómica poida licitar e avanzar nas obras da estación de autobuses intermodal nas que investirá 17,5 M€.

Transporte gratuíto para mozos en toda Galicia

Na visita á estación de autobuses da Coruña, a conselleira tamén puxo en valor as medidas impulsadas pola Xunta para o fomento do transporte público na área da Coruña. Citou as vantaxes e beneficios da posta en marcha do Plan de transporte metropolitano, a entrada dos buses metropolitanos ao centro da cidade e, tamén, a incidencia nesta área da renovación e modernización integral de todas as liñas de autobús interurbano en toda Galicia.

A estas medidas da Xunta súmase agora a recente extensión a toda Galicia da tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos poden viaxar de balde no transporte interurbano da Xunta. Explicou que a iniciativa, que xa funcionaba na área da Coruña desde o 2016, agora estendeuse ao conxunto da Comunidade, de forma que os 23.500 mozos da Coruña e dos concellos da área que teñen a tarxeta Xente Nova poden viaxar de balde polos 313 concellos galegos nos buses da Xunta.

Apuntou que desde a posta en marcha desta tarxeta, a Xunta bonificou máis de 3 millóns de viaxes por importe superior aos 3 M€, só na área da Coruña. Sinalou, ademais, que desde o anuncio da extensión territorial da tarxeta Xente Nova, o número de dispositivos expedidos na área da Coruña triplicouse con respecto ao mes de abril, case 590 tarxetas expedidas en maio fronte ás 180 que se emitiron en abril.

Imaxes relacionadas