A primeira convocatoria das probas para exercer como xestor de transporte por estrada en empresas de mercadorías e de viaxeiros realizarase o vindeiro 26 de xuño en Santiago
O DOG publica hoxe a resolución na que se establece que os exames se realizarán no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia
Os aspirantes serán citados en horario de mañá ou de tarde, segundo a distribución que será publicada, na que tamén se indicarán a hora e a porta de entrada asignada
No exterior do recinto ofrecerase información sobre as medidas de seguridade para o acceso e a realización das probas, sendo obrigatorio o uso de máscara
A segunda convocatoria terá lugar entre o 2 de outubro e o 19 de decembro, podendo facerse a inscrición desde o 1 ao 23 de agosto
A primeira convocatoria das probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte por estrada en empresas de mercadorías e de viaxeiros terá lugar o 26 de xuño en Santiago de Compostela.
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se establece a data destes exames que se levarán a cabo no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: http://xurl.es/93pg0
Os aspirantes serán citados en chamamento único, en horario de mañá ou de tarde, segundo a distribución que será publicada xunto coa relación definitiva de persoas admitidas, na cal se indicará a hora e a porta de entrada asignada.
No exterior do recinto ofrecerase información sobre as medidas de seguridade para o acceso e a realización das probas, sendo obrigatorio, en todo caso, o uso de máscara.
Cómpre lembrar que a Xunta estableceu unha segunda convocatoria que terá lugar entre o 2 de outubro e o 19 de decembro de 2021.
As persoas que desexen acceder á segunda convocatoria disporán desde o 1 ao 23 de agosto de 2021, incluídos ambos os días, para presentar a solicitude.
As inscricións presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
En todo caso, o lugar, a data e a hora de realización dos exercicios desta segunda quenda serán acordados polo tribunal e publicados no DOG cunha antelación mínima de quince días naturais á data elixida, tal como nesta primeira convocatoria.