O presidente da Xunta participou esta mañá no foro de Nueva Economía Fórum

Feijóo reivindica a xestión das autonomías nos peores momentos da pandemia, centradas en acordar, falar e traballar conxuntamente entre administracións para buscar saída aos problemas

Asevera que para abordar a situación o Goberno galego está a aplicar o manual baseado en xestionar a realidade e dicir a verdade

Incide na oportunidade para a reactivación dos Next Generation e traslada a inquedanza que supón o feito de que o Goberno central siga sen dar a coñecer os criterios de reparto

Salienta que, por primeira vez na historia, Galicia conta cun dobre ano Xacobeo para celebrar un acontecemento cultural global; un feito que agradecerá á Súa Santidade o Papa Francisco, na audiencia do próximo luns 14 de xuño, na Cidade do Vaticano

Madrid, 8 de xuño de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe a xestión das autonomías nos peores momentos da pandemia, centradas este ano e medio en falar, acordar e traballar conxuntamente entre administracións para buscar saída aos problemas.

Durante a súa participación esta mañá no foro de Nueva Economía Fórum, Feijóo abordou a situación actual da Comunidade e como esta se prepara para afrontar o futuro. E, nesta liña, aseverou que o Goberno galego está a aplicar o manual baseado en xestionar a realidade e dicir a verdade.

Sobre este punto aproveitou a súa intervención para sintetizar as claves da xestión sanitaria sustentada na anticipación e na planificación, guiada sempre polo asesoramento dos profesionais que conforman o comité clínico. Ademais de facer un balance da situación económica.

En relación a este segundo punto, subliñou que no caso concreto de Galicia a pandemia interrompeu unha senda de crecemento continuado, cun crecemento medio anual do PIB do 2,8% desde 2015. Se ben, a Comunidade resistiu mellor que a media de España, liderando a caída do paro e cunha suba das exportacións no primeiro trimestre de case un 11% -máis do dobre que a media nacional-.

Para reflotar a economía, Feijóo referiuse ás medidas postas en marcha para apoiar aos sectores máis afectados, entre as que destacou: un Plan de Tesourería -1.800 millóns, para dotar de liquidez á Comunidade e axudar a familias e empresas-; un Plan de reactivación para, a través da mobilización de 3.000 millóns de euros, recuperar a actividade e fortalecer os servizos públicos; axudas directas con cargo aos orzamentos da comunidade -máis de 350 millóns de euros- e incentivos de consumo para sectores específicos como o Bono Comercio e o Bono Turístico.

O presidente da Xunta incidiu en que todo isto foi posible grazas á colaboración, a través da creación dun comité de expertos económicos, dos principais axentes económicos, académicos e empresariais galegos.

Ao longo do acto, Feijóo trasladou a preocupación ante a crise industrial acelerada por unha transición enerxética abrupta, que pon en risco milleiros de empregos na Comunidade no eido enerxético, forestal e na cadea mar-industria. “Hai unha serie de tensións que nos preocupan no ámbito das materias primas e do transporte”, abundou, referíndose, a modo de exemplo, á falta de microchips no eido da automoción e ao incremento dos prezos no transporte de contedores.

Neste escenario, Feijóo lembrou a oportunidade que para a reactivación da economía conlevan os fondos europeos Next Generation, facendo fincapé na inquedanza que supón o feito de que o Goberno central siga sen dar a coñecer os criterios de reparto.

O titular da Xunta salientou que a candidatura galega, formada por 355 proxectos e cun investimento estimado de cerca dos 20.000 millóns de euros a través da colaboración público-privada, busca transformar o modelo de crecemento e reindustrializar a economía na próxima década, para construír unha Galicia máis verde, máis dixital, máis cohesionada e inclusiva. “Estamos a falar de orientar os nosos sectores estratéxicos e pensar nos sectores emerxentes”, insistiu.

Feijóo concluíu salientando que, por primeira vez na historia, Galicia conta cun dobre ano Xacobeo para celebrar un acontecemento cultural global; un feito, avanzou, que agradecerá á Súa Santidade o Papa Francisco, na audiencia do próximo luns 14 de xuño, na Cidade do Vaticano.

Imaxes relacionadas