Medio Ambiente emite informe favorable á modificación puntual para a reordenación do Barrio do Cura en Vigo

A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo remitiu hoxe ao Concello o documento no que se lle indica a necesidade de emendar unha serie de cuestións arqueolóxicas

A emisión deste informe é unha nova mostra da leal e absoluta colaboración da Xunta co Concello de Vigo, ao trasladar as súas consideracións en 20 días a pesar de dispor dun prazo de tres meses

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2021

A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, emitiu hoxe o informe favorable á modificación puntual do Plan xeral de ordenación urbana do Concello de Vigo, para a reordenación do Barrio do Cura. Trátase do previo á aprobación definitiva, condicionada á emenda das cuestións arqueolóxicas que se sinalan desde a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

A modificación puntual fai referencia a unha área que coincide no Plan especial de protección e reforma interior (Pepri) Casco Vello cun ámbito de reparto en solo urbano non consolidado AR-1; aos terreos e edificacións que conformaban a área do Convenio do Asilo AC-Asilo e zonas de edificación consolidada correspondente ás frontes das rúas Santa Marta, Llorente e Pi y Margall; unha zona inferior da rúa Santa Marta cunha edificación en construción; a edificación lindeira con fronte á rúa Conde de Torrecedeira; e a gardería municipal existente.

Non obstante, no PXOM de 2008 –anulado por sentenza xudicial-, este plan está recollido como unha área de solo urbano non consolidado coa denominación A-4-01 Barrio do Cura, sen ordenación detallada.

Así, a modificación que agora se informa ten por obxectivo recuperar a ordenación urbanística do Barrio do Cura, delimitando os ámbitos de solo urbano consolidado e non consolidado, completar a trama urbana cunha integración harmónica, resolver a articulación e conexión do Casco Vello coa rúa Torrecedeira e a mobilidade transversal entre o eixo Paseo Alfonso XII-Pi y Margall e as zonas baixas, prevendo unha conexión peonil coa zona da Ribeira.

Con esta modificación tamén se prevé definir un novo espazo urbano ordenado arredor do espazo público e dotar a esta zona da cidade de zonas verdes, espazos de lecer e equipamentos, como por exemplo a zona de aparcamento.

Malia que esta modificación está xustificada polo interese de dar a un ámbito, actualmente moi degrado; por unha ordenación que posibilite a recuperación da ordenación urbanística; pola obtención de dotacións públicas; e pola implantación dos usos previstos, os informes sectoriais trasladan unha serie de consideracións que se deben ter en conta, sobre todo as sinaladas desde Patrimonio Cultural

Documentación arqueolóxica

Neste sentido, a Xunta indica que a documentación achegada polo Concello non inclúe a realización de ningunha actuación arqueolóxica previa á aprobación definitiva da modificación, nin tan sequera unha previsión, polo que poderíase dar o caso de ter que restrinxir os usos do subsolo ou incluso a edificabilidade por causas arqueolóxicas.

Tamén se observa que as normas reguladoras da protección arqueolóxica indican que calquera tipo de obra que se proxecte realizar, e supoña remocións do subsolo, precisará preceptivamente da realización dunha intervención.

Outras emendas que se suxiren están relacionadas coa información documental, como a ausencia de dúas fichas relativas a dous xacementos, cuxas exclusións non están xustificadas e que incluso deben ser actualizadas con novos datos que non existían cando se redactaron para o plan xeral de 2018.

Para a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a emisión deste informe é unha nova mostra da leal e absoluta colaboración da Xunta co Concello de Vigo, ademais dunha demostración de axilidade, ao trasladar as súas consideracións en 20 días, cando o prazo legal era de tres meses.