A I Feira Iniciativa Xove porá en valor este sábado os proxectos xurdidos ao abeiro deste programa a través de obradoiros, exposición de iniciativas e sesións de asesoramento á xuventude

O Edificio Cinc da Cidade da Cultura acollerá unha xornada de actividades dirixidas a mozas e mozos de Galicia e Portugal de entre 18 e 30 anos

O prazo de presentación de propostas rematará o vindeiro luns, 14 de xuño

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia celebra este sábado 12 de xuño a I Feira Iniciativa Xove para poñer en valor os diferentes proxectos xurdidos ao abeiro deste programa da Consellería de Política Social. O Edificio Cinc da Cidade da Cultura acollerá unha completa xornada de actividades cun espazo expositivo de proxectos, obradoiros ou un punto de asesoramento, entre outros.

Iniciativa Xove é un programa creado en 2010 polo Goberno galego a través do cal se conceden axudas de ata 5000 euros para que as mozas e mozos de Galicia poidan desenvolver ideas que, transformadas en proxectos empresariais ou programas de interese, revertan na sociedade.

A Xunta de Galicia quere poñer en valor algunhas das iniciativas que foron xurdindo ao abeiro do programa ata o momento cun evento que lle dea visibilidade á creatividade e ao esforzo da xuventude. Así, promove unha cita con actividades dirixidas a mozos e mozas, de entre 18 e 30 anos, con residencia en Galicia ou en Portugal, posto que se trata dunha iniciativa enmarcada dentro do proxecto “Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo” (acrónimo LIDERA), aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP).

Obradoiros e asesoramento

Nesta I Feira de Iniciativa Xove poñerase en marcha un espazo expositivo dos proxectos con acceso libre. Tamén se realizarán obradoiros, tanto presenciais como dixitais, sobre habilidades e competencias profesionais e para o desenvolvemento de modelos de negocio e márketing. É preciso saber que para poder acudir a eles é necesario inscribirse na páxina de xuventude.xunta.es. As prazas para estas actividades serán adxudicadas por rigorosa orde de inscrición.

Ademais disto, desenvolverase a presentación de proxectos e networking —que se poderá seguir en liña vía streaming— e haberá un punto de asesoramento e resolución de dúbidas acerca da presentación de iniciativas no marco do programa.

Convocatoria Iniciativa Xove

Cómpre lembrar que neste momento, a convocatoria de axudas para 2021 de Iniciativa Xove continúa aberta ata o 14 de xuño. A ela poden concorrer tanto grupos informais de mozos e mozas, como asociacións xuvenís e entidades legalmente constituídas.

Imaxes relacionadas