Feijóo reunirase co Papa Francisco o próximo 14 de xuño para abordar a importancia do Xacobeo 21-22

O presidente da Xunta trasladaralle o agradecemento de todos os galegos pola ampliación do Ano Santo

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manterá un encontro coa Súa Santidade o Papa Francisco o próximo luns, 14 de xuño, na Cidade do Vaticano. Estará acompañado polo arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Julián Barrio.

Trátase dun encontro de gran relevancia, en plena celebración do Xacobeo 21-22. Durante a audiencia, o mandatario autonómico exporá a importancia que esta ocasión ten para Galicia no seu conxunto, así como para todos os peregrinos que se deciden a emprender o Camiño a Santiago de Compostela.

Feijóo tamén aproveitará o encontro para trasladarlle ao Papa Francisco o seu agradecemento e o de todos os galegos por ter decidido ampliar ata 2022 o Ano Xubilar. Esta extensión excepcional brindará moitas máis oportunidades a Galicia e aos visitantes que se queiran achegar a visitala, tendo en conta que a situación sanitaria aínda impón limitacións á mobilidade a nivel global.

O presidente da Xunta tamén exporá os esforzos que está a realizar o Goberno galego para garantir un desenvolvemento seguro do Xacobeo e para promovelo no mundo como unha porta aberta á espiritualidade e o acougo en tempos tan complexos.