Alfonso Rueda acompaña a Juan Antonio Corbalán na súa ponencia no “I congreso Mundial Xacobeo” sobre a vinculación entre o Camiño de Santiago e a saúde

O vicepresidente primeiro da Xunta agradeceu a implicación do ex-xogador de baloncesto e médico co Camiño e sinalou que facer calquera das rutas é unha actividade deportiva segura con moitos beneficios para a saúde

Destacou que o Camiño e o deporte comparten valores como a superación, o esforzo e a solidariedade
 

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, acompañou hoxe ao ex-xogador de baloncesto e médico Juan Antonio Corbalán na conferencia Exercicio e cronicidade, que impartiu hoxe na Cidade da Cultura no marco da última xornada do I Congreso Mundial Xacobeo da Academia Xacobea. O evento foi inaugurado o xoves polo rei Felipe VI e reuniu estes días entre Santiago e Padrón a expertos de todo o mundo para abordar a través de varias mesas redondas o Camiño de Santiago desde distintas perspectivas, entre elas a saúde.

Alfonso Rueda agradeceu a Corbalán a súa implicación coas rutas xacobeas como demostrou coa súa participación nunha das edicións da iniciativa O Camiño remata en Obradoiro, do Monbus Obradoiro en colaboración coa Xunta e acompañando noutros anos a outras lendas do baloncesto como Nikos Galis, Alexander Petrovic, Amaia Valdemoro ou José Manuel Calderón.

Así, sinalou que o Camiño e o deporte comparten valores como a solidariedade, o esforzo e a superación e facer calquera das rutas é unha actividade deportiva segura con moitos beneficios para a saúde, tanto a nivel físico como psicolóxico.

Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participará esta tarde na derradeira das mesas redondas do congreso. Xunto co deán da Catedral de Santiago, José Fernández Lago; o director xeral de Ordenación e Promoción Turística de Canarias, Ciprián Rivas, e Josefa Sanz, catedrática da Universidade de Oviedo, debaterán sobre o inicio do Camiño e a fenomenoloxía das peregrinacións hoxe, así como o futuro do Camiño desde a perspectiva institucional.
 

Imaxes relacionadas