O presidente da Xunta percorreu este mediodía a nova senda peonil da PO-308, de máis de 8 quilómetros entre Portonovo e A Lanzada

Feijóo destaca a aposta por unha mobilidade máis segura e sustentable coa posta en marcha nos últimos cinco anos de 170 quilómetros de sendas integradas nas marxes das estradas

Asevera que Galicia emprendeu un camiño sen retorno cara ao coidado e a posta en valor do noso medio e da nosa paisaxe: “imos a seguir diminuíndo as emisións de CO2, impulsando unha economía circular e apostando polas enerxías renovables”

Lembra que traballar pola mobilidade sostible é poñer tamén ao servizo dos cidadáns unha rede de transporte público completa, moderna e eficaz; un servizo de calidade para todos os galegos, vivan onde vivan

Diante da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, reitera o compromiso medioambiental da Xunta e apela á reflexión e implicación do conxunto da sociedade nunha toma de conciencia que nos necesita a todos

Sanxenxo (Pontevedra), 4 de xuño de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aposta do Goberno galego por unha mobilidade máis segura e sustentable, coa posta en marcha nos últimos cinco anos de 170 quilómetros de sendas integradas nas marxes das estradas.

Durante un percorrido pola nova senda peonil da PO-308, de máis de 8 quilómetros entre Portonovo e A Lanzada, Feijóo referiuse a esta actuación como un exemplo máis dese compromiso, coa posta en valor dunha paraxe singular, ademais de garantir a máxima seguridade viaria no conxunto do traxecto, afastando aos peóns e aos ciclistas da estrada.

“Estamos a falar dunha obra que posibilita un tráfico viario seguro, formando parte da aposta pola mobilidade sostible e segura”, abundou, precisando que, ademais desta senda estase a levar a cabo unha actuación integral da PO-308 que, cun investimento total de 17 millóns de euros, permitirá completar un itinerario peonil continuo desde Pontevedra ata A Lanzada pola marxe desta estrada, así como a eliminación dos treitos de concentración de accidentes.

Coas obras xa rematadas no termo municipal de Sanxenxo, Feijóo confirmou os avances nas actuacións previstas á altura do concello de Poio. Así, anunciou que a vindeira semana, comezarán os trámites para investir preto de 1,6 millóns de euros na construción dun novo treito de senda entre Combarro e Fontenla, onde ademais se reforzará a seguridade viaria.

Estes itinerarios peonís e ciclistas son actuacións cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Día Mundial do Medio Ambiente

Por outra banda, e diante da celebración mañá sábado, do Día Mundial do Medio Ambiente, baixo o lema Reimaxina, Recrea, Restaura, Feijóo aproveitou o percorrido para reiterar o compromiso medioambiental da Xunta e para apelar á reflexión e implicación do conxunto da sociedade nunha toma de conciencia que nos necesita a todos.

Nesta liña, recordou que Galicia reduciu as emisións un 23,8% respecto a 1990, 32 puntos por riba da media nacional.

Así mesmo, subliñou que a Comunidade conta coa súa propia Estratexia de cambio climático co horizonte 2050. Unha folla de ruta que no seu primeiro ano de aplicación xa executou 317 millóns de euros e á que se une a nova Lei de residuos e solos contaminados, aprobada este ano; a Estratexia de economía circular; e a Lei de Patrimonio Natural.

“Emprendemos así un camiño sen retorno. Non hai marcha atrás e imos a seguir diminuíndo as emisións de CO2, impulsando unha economía circular e apostando polas enerxías renovables”, dixo, destacando tamén o labor realizado para sanear as rías: preto da metade dos máis de 1.100 millóns de euros mobilizados na última década en infraestruturas hidráulicas destináronse ao saneamento das mesmas.

Sobre este punto, recalcou que o traballo que se está a realizar non só permite cumprir coas directivas europeas, senón desfrutar dunhas augas máis limpas, atraer máis turistas e mellorar a produción pesqueira e marisqueira.

Por último, o presidente galego lembrou que traballar pola mobilidade sostible é poñer tamén ao servizo dos cidadáns unha rede de transporte público completa, moderna e eficaz. Un servizo de transporte público de calidade para todos os galegos, vivan onde vivan, dixo, subliñando que todos os menores de 21 anos poden viaxar gratis por toda Galicia neste transporte coa tarxeta Xente Nova.

Imaxes relacionadas