A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde, Antonio Deibe, asinaron telemáticamente o convenio para impulsar esta actuación

A Xunta e o concello de Irixoa selan a colaboración para completar o servizo de saneamento no municipio, que suporá un investimento de 310.000 euros

Executaranse 5 ramais en tubaxe, que se instalarán nas marxes das estradas existentes, entre elas, a vía autonómica AC-151 e a provincial DP-0905

A Xunta asume o 80% do investimento, 248.000 euros, e a contratación e a execución das obras, que teñen un prazo de execución de seis meses

O Concello contribuirá co 20% restante, 62.000 euros, porá á disposición os terreos necesarios, tramitará as autorizacións precisas e asumirá as actuacións realizadas

A actuación dará servizo a unha poboación de 177 habitantes, que sumada á xa conectada á depuradora, supoñen 242 habitantes para o ano horizonte 2041

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia municipal

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2021.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Irixoa, selaron o convenio de colaboración para completar o servizo de saneamento do municipio coruñés, que suporá un investimento de 310.000 euros.

O convenio de colaboración, asinado de xeito telemático, recolle as actuación necesarias para impulsar a mellora da rede de saneamento da parroquia de Irixoa, conformada por varios núcleos pequenos de poboación. A parroquia dispón na actualidade de estación depuradora de augas residuais e un tramo do colector xeral que chega ata a parte central da zona urbana do núcleo, quedando pendente de executar o resto de colectores que conformarían e completarían a rede de saneamento

Segundo este convenio, a Xunta, a través de Augas de Galicia, cofinanciará a actuación nun 80% coa achega de 248.000 euros. Tamén levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras, que contan cun prazo de execución de seis meses.

Pola súa banda, o Concello de Irixoa contribuirá ao financiamento do 20% restante, cun investimento de 62.000 euros, ao tempo que asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

As actuacións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta de la Unión á pandemia da covid-19.

As actuacións proxectadas

O convenio asinado entre a Administración autonómica e a entidade local concreta as actuacións para completar a rede de saneamento e establece o desenvolvemento de 5 ramais en tubaxe, que se instalarán nas marxes das estradas existentes, entre elas, a vía autonómica AC-151 e a provincial DP-0905.

Segundo o proxecto redactado, esta obra permitirá que as augas residuais recollidas se vertan en dous puntos da rede de saneamento actual que as conducirá ata a depuradora, xa en servizo, e dimensionada para atender a unha poboación de 300 habitantes equivalentes.

Esta nova obra dará servizo a unha poboación de 177 habitantes para o ano horizonte 2041, que sumada á xa conectada á depuradora, supoñen 242 habitantes para o citado ano horizonte.

O departamento que preside Ethel Vázquez mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia municipal.