A Xunta adxudica as obras de acondicionamento da estrada OU-525 na contorna dos polígonos de San Cibrao das Viñas e de Barreiros por case 2,9 M€

Os traballos empezarán en verán co obxectivo de estar rematados este mesmo ano

Actuarase no treito autonómico de 14 km da estrada N-525, que asumiu a Xunta para poder executar o novo acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas

O proxecto inclúe a mellora da capa de rodadura e a mellora da intersección de Taboadela, do cruce co enlace ao polígono de San Cibrao e da glorieta de Gundiás

Transformarase en glorieta a intersección en Santa Leocadia para favorecer os xiros e acometerase a mellora da sinalización e o repintado de todo o treito
 

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2021

A Xunta vén de adxudicar as obras de mellora do firme e do reforzo da seguridade viaria da estrada OU-525, na contorna dos polígonos empresariais de San Cibrao das Viñas e de Barreiros por 2,9 millóns de euros.

Os traballos, adxudicados á empresa Extraco Construcións e Proxectos S.A., comezarán previsiblemente no verán e aínda que teñen un prazo de 12 meses, serán axilizadas ao máximo para poder rematalas este mesmo ano.

Trátase de mellorar 14 quilómetros desta vía que tivo que asumir a Xunta para poder executar o novo acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas.

Esta estrada rexistra ata case 20.000 vehículos ao día ao seu paso por San Cibrao, rebaixándose o tráfico ata os 5.500 vehículos ao día en Taboadela e aos 4.300 en Allariz.

Neste sentido, a actuación contribuirá a reforzar a seguridade viaria, facilitar os movementos cara ás zonas industriais e ofrecer maior fluidez nos desprazamentos.

O proxecto inclúe o estendido dunha nova capa de rodadura en todo o treito, así como intervencións encamiñadas a reforzar a seguridade en varias interseccións. Concretamente, actuarase na intersección de Taboadela, mellorase o cruce co enlace que vai ao polígono de San Cibrao das Viñas e adecuarase a glorieta de Gundiás.

Tamén se transformará en glorieta a intersección en Santa Leocadia coa fin de favorecer os xiros e acadar maior fluidez do tráfico.

Como actuacións complementarias procederase á execución de gabias de seguridade, á renovación da sinalización horizontal, ao repintado de todo o treito e á limpeza das marxes.

Este acondicionamento enmárcase na aposta que vén realizando a Xunta por favorecer as comunicacións co polígono industrial de San Cibrao, no que operan máis de 400 empresas e 8.500 traballadores.

O Goberno galego investiu 22 millóns de euros na posta en servizo do novo acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas desde a A-52, no pasado mes de setembro.

Esa conexión permitiu reducir nun 60% o percorrido necesario entre o parque empresarial coa autovía, facilitando unha conexión máis directa, áxil e cómoda ao que é o gran pulmón empresarial de Ourense, favorecendo a súa competitividade.