A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto de execución dunha senda peonil e para a rehabilitación de beirarrúas na PO-549, en Vilanova de Arousa e en Vilagarcía de Arousa

A actuación dispón dun investimento autonómico de máis de 1,1 M€ e os actos expropiatorios e a licitación das obras realizarase no 2º semestre deste ano

Construiranse ou renovaranse 3,27 quilómetros de beirarrúas, que unirán e completarán treitos xa existentes na estrada autonómica

Reubicaranse e mellorarase a protección de pasos de peóns e procederase á reordenación e dotación de aparcadoiros

Co remate das obras disporase dun itinerario continuo para desprazarase a pé entre Cambados, Vilanova e Vilagarcía, e tamén coa Illa de Arousa, beneficiando a unha poboación de 70.000 persoas
 

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a aprobación do proxecto de construción dunha senda e da rehabilitación das beirarrúas na estrada PO-549, no treito que comunica os concellos de Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

Esta actuación, que disporá dun prazo de execución de 9 meses, conta cun orzamento autonómico de máis de 1,1 millón de euros, no que se inclúe o pagamento das expropiacións dos 21 predios precisos para acometer o acondicionamento da vía.

O DOG tamén publica a aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://xurl.es/mc7zg

Onte mesmo o Diario Oficial de Galicia publicou o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para a execución das obras, aprobado polo Goberno galego o paso día 20 de maio.

A intervención do departamento que dirixe Ethel Vázquez ten como obxectivo regular e establecer o uso de diferentes espazos, reforzando a seguridade viaria e facilitando unha interacción harmónica e respectuosa entre peóns e vehículos, nun treito da PO-549 cunha urbanización irregular, onde hai tramos con beirarrúas e outros sen elas, e mesmo treitos nos que as beiravías son empregadas de xeito frecuente como aparcadoiros.

A Xunta procederá ao levantamento de actas previas e á licitación destas obras no segundo semestre deste ano.

O proxecto recolle, como principais actuacións, a construción dunha senda peonil á marxe da estrada, dotación de prazas de estacionamento, estreitamento dos carrís da estrada existente e extensión dunha capa de rodadura en toda a plataforma da vía na zona de actuación.

Para iso, construiranse ou renovaranse 3,27 quilómetros de beirarrúas, que unirán e completarán treitos xa existentes, cunha sección tipo de 1,80 metros de ancho variable, reducíndose a 1,20 metros alí onde non exista espazo suficiente.

Acometeranse outras actuacións complementarias centradas no reforzo da seguridade viaria, como a reubicación e mellora da protección de pasos de peóns para facelos máis visibles, ou a reordenación dos aparcadoiros.

No proxecto inclúese a reposición e prolongación da actual canalización de abastecemento ao largo dos treitos. Nos accesos ás vivendas e nas entradas ás fincas rebaixaranse os bordos.

Esta intervención vén completar os treitos de sendas ou de beirarrúas xa executados recentemente nesta mesma estrada, en Deiro. Deste xeito, ao remate da actuación disporase dun itinerario continuo ao longo da PO-549 para desprazarase a pé de modo seguro entre Cambados, Vilanova e Vilagarcía de Arousa, e tamén coa Illa de Arousa a través da senda en execución na PO-307, o que suporá beneficiar a unha poboación de 70.000 persoas.

A Xunta mantén o cumprimento do seu compromiso de habilitar, nas estradas da súa titularidade, itinerarios peonís seguros, sustentables e integrados na paisaxe.