A Xunta publica hoxe no DOG a aprobación do proxecto de execución da mellora da seguridade viaria na estrada PO-551, no Concello de Cangas e na parroquia de Tirán, en Moaña

A actuación dispón dun investimento autonómico de máis de 1,1M € e os actos expropiatorios e a licitación das obras realizarase no 2º semestre deste ano

O proxecto desenvólvese no treito de 2 km desta estrada, identificado como tramo de concentración de accidentes, comprendido entre a saída da travesía de Cangas e o acceso ao colexio de Tirán, no concello de Moaña

Os traballos de mellora da seguridade viaria inclúen a execución de beirarrúas e paradas de autobús, a ampliación da sección transversal da estrada, a modificación de enlaces, a construción de glorietas e a regulación de aparcadoiros

Tras a análise das achegas presentadas, no punto 23+220 de acceso ao colexio executarase unha intersección con carril central manténdose o cambio de sentido e disporanse beirarrúas para mellorar a seguridade do itinerario peonil escolar

A actuación enmárcase na estratexia do Goberno galego de eliminación dos tramos de concentración de accidentes nas vías autonómicas, que acada preto do 80% de desenvolvemento entre as obras rematadas e en execución

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a aprobación do proxecto de construción das obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica PO-551, ao seu paso polos concellos de Cangas e de Moaña.

O Consello da Xunta aprobou o pasado día 26 de maio as expropiacións precisas para executar este proxecto, que dispón dun investimento autonómico de máis de 1,1 millón de euros, nos que se inclúe o pagamento dos 46 predios necesarios para levar a cabo a actuación.

O DOG tamén publica a aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://xurl.es/wqsvo

O proxecto de mellora de seguridade viaria desenvólvese no treito de 2 quilómetros da estrada autonómica, identificado como tramo de concentración de accidentes, comprendido entre a saída da travesía de Cangas e a intersección de acceso ao colexio de Tirán, no concello de Moaña.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade procederá ao levantamento de actas previas e á licitación das obras no segundo semestre do ano. Os traballos contan dun prazo de execución de seis meses.

Entre as actuacións de mellora da seguridade viaria inclúese a execución de beirarrúas e de paradas de autobús, a ampliación da sección transversal da estrada, a modificación de enlaces, a construción de glorietas e a regulación das zonas destinadas a aparcadoiros.

O proxecto do departamento de Infraestruturas da Xunta presenta intervencións puntuais en varios treitos da estrada, que varían segundo as necesidades detectadas na análise previa.

Concretamente, no concello de Cangas, proxéctase a execución dunha nova beirarrúa de 2 metros na marxe dereita da estrada entre os puntos quilométricos 21+267 e 21+352, para conectar as existentes na travesía de Cangas coa glorieta do Gordo. Tamén se mellorará a intersección do punto quilométrico 21+660, coa execución de cuñas e trasladarase o paso de peóns existente ao punto 21+700. Ademais disporanse paradas de autobús en ambos os sentidos.

Xa no concello de Moaña, proxéctase unha rotonda de 28 metros de diámetro, con dous carrís de 4 metros, e acondicionarase a súa contorna, ampliándose as beirarrúas da marxe esquerda en dirección Moaña. Disporanse, tamén, dous pasos de peóns intelixentes dotados de detectores de presenza nos puntos quilométricos 22+090 e 22+240. Nos quilómetros 22+560 e 22+810 melloraranse as interseccións con cuñas para incorporación e saída da estrada e reporanse e melloraranse as beirarrúas.

Ademais, no tramo do punto quilométrico 22+880 ao 22+920 amplíase a sección da marxe dereita da estrada, onde se disporá unha parada de bus, unha beirarrúa e unha zona habilitada para os contedores de lixo.

A Xunta, tras a análise das achegas presentadas ao proxecto inicial, muda a solución proposta de execución dunha glorieta na intersección no punto quilométrico 23+220 de acceso ao colexio. Deste xeito, executarase unha intersección con carril central, permitindo o cambio de sentido na vía municipal, como acontece na actualidade. Tamén se disporán beirarrúas para mellorar a seguridade do itinerario peonil escolar, de 2 metros de ancho en ambas as marxes, e reforzarase a seguridade tamén do cruce peonil da estrada.

Esta actuación está enmarcadas na estratexia deseñada pola Xunta para a eliminación de todos os tramos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas, que acada preto do 80% do seu desenvolvemento, entre as obras rematadas e en execución.

Precisamente nesta mesma estrada PO-551, ao seu paso por Moaña, a Xunta está a iniciar a execución do proxecto de eliminación dun treito de concentración de accidentes en Domaio, cun investimento de arredor de 570.000.

Neste caso, actúase no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 27+760, no paso de peóns da travesía de Meira á altura do centro de saúde, e o 32+670, na intersección coa vía provincial EP-1103, á saída de Domaio.

Tamén foi sometido a información pública o proxecto de mellora da seguridade viaria na PO-551 en Cangas, no treito entre o Alto da Portela e a capitalidade do concello. Estase a ultimar a redacción do proxecto construtivo, xa coa incorporación das modificacións derivadas do procedemento de información pública.