Ethel Vázquez destaca o papel das pontes como elementos de vertebración que contribúen ao progreso económico e social dos territorios nos que se asentan

A Coruña, 3 de xuño de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o papel das pontes como elementos de vertebración que contribúen ao progreso económico e social dos territorios nos que se asentan.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou esta tarde na inauguración da exposición ‘Deseñar Pontes’, organizada polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia e por FHECOR, en colaboración coa Fundación Barrié.

Vázquez Mourelle subliñou que as pontes son estruturas que unen e acadan os obxectivos de salvar obstáculos e comunicar espazos ou persoas, especialmente importantes nunha comunidade como a galega, condicionada pola accidentada xeografía.

Fixo fincapé en que estas estruturas deben ser funcionais e útiles, pero tamén harmónicas e integradas na paisaxe, axeitándose ás características do territorio no que se asentan.

Por último, referiuse a que a exposición ‘Deseñar Pontes’, hoxe inaugurada, transmite de forma atractiva e divulgativa o traballo dos enxeñeiros de Camiños, cuxa prioridade é mellorar a calidade de vida dos cidadáns e contribuír ao progreso da sociedade.