O presidente da Xunta acompañou hoxe á S.M. o Rei Felipe VI na inauguración do I Congreso Mundial Xacobeo da Academia Xacobea

Feijóo salienta que neste Ano Santo 21-22 Galicia volve abrirse ao mundo para acoller ao peregrino que busca inspiración e acougo

Non nos resignamos a que a crise do coronavirus frustrara a ilusión de tantos peregrinos”, di, resaltando que, con este obxectivo, a Comunidade empeñouse en facer desta terra un destino confiable e seguro

Recoñece o esforzo colectivo de todos os galegos que exercen de embaixadores da súa terra e grazas aos cales Galicia volve ser anfitrioa; e agradece a implicación de Felipe VI como Xefe de Estado e como Embaixador Vitalicio do Camiño
 

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que neste Ano Santo 21-22 Galicia volve abrirse ao mundo para acoller ao peregrino que busca inspiración e acougo.

“Desde a nosa terra volve a alzarse unha bandeira para superar os momentos difíciles. Non nos resignamos a que a crise do coronavirus frustrara a ilusión de tantos peregrinos que queren acudir a este confín para atopar inspiración e acougo. Galicia necesitábaos e eles necesitan a Galicia”, dixo, resaltando que, con este obxectivo, a Comunidade empeñouse en facer desta terra un destino confiable e seguro.

Durante o acto de inauguración do I Congreso Mundial Xacobeo da Academia Xacobea, presidido pola S.M. o Rei Felipe VI, Feijóo quixo recoñecer o esforzo colectivo de todos os galegos que exercen de embaixadores da súa terra e grazas aos cales Galicia volve exercer de anfitrioa.

“O feliz descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago e o impulso oficial á Ruta Xacobea, non terían sido dabondo sen un pobo que arroupara cos seus valores ao peregrino que se dirixe a Compostela”, abundou, agradecendo tamén a implicación de Felipe VI como Xefe de Estado e como Embaixador Vitalicio do Camiño de Santiago.

“Esa ruta que empezou sendo unha aventura sobre a que pesaba a incredulidade de moitos, imponse como símbolo e realidade que abrazan homes e mulleres de todas as épocas”, afirmou, subliñando que Galicia crea un Camiño polo que poden transitar todos, e no que as amizades se reforzan e as inimizades se dilúen.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Executivo autonómico afirmou tamén que a Comunidade se sinte orgullosa de axudar a modelar o mundo desde unha visión humanista. “E, a cambio, o mundo tamén modelou a Galicia, facendo dela unha terra de portas abertas e pontes tendidas cara a todas as culturas”, afirmou, trasladando o desexo de que esa universalidade innata non sexa unha gloria do pasado, senón que forme parte do futuro.
 

Imaxes relacionadas