O presidente da Xunta participou esta tarde no acto de presentación do libro Estatutos de Autonomía de Galicia (1936-1981)

Feijóo recorda que "nos nosos estatutos de autonomía cabemos todos os galegos" e salienta que da man deles Galicia recuperou o orgullo de ser autonomista

Avoga por que o autonomismo se faga presente nos debates porque aporta, di, o mellor da nosa historia e é o camiño máis seguro para conciliar pareceres

“Non se equivocaron os galegos dos anos trinta nin os galegos dos oitenta, cando depositaron na autonomía as súas esperanzas de futuro. A Galicia na que convivimos hoxe así o demostra”, asevera

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recordou hoxe que “nos nosos estatutos cabemos todos os galegos” e destacou que da man deles Galicia recuperou o orgullo de ser autonomista.

Durante o acto de presentación do libro Estatutos de Autonomía de Galicia (1936-1981), Feijóo aseverou que ambos textos son lugares de encontro, nos que non hai un pensamento único, senón a diversidade que existe “na Galicia diversa”.

Deste xeito, avogou por que o autonomismo se faga presente nos debates porque aporta, dixo, o mellor da nosa historia e é o camiño máis seguro para conciliar pareceres. “Non se equivocaron os galegos dos anos trinta nin os galegos dos oitenta, cando depositaron na autonomía as súas esperanzas de futuro. A Galicia na que convivimos hoxe así o demostra”, aseverou.

Ante os que din que a España das autonomías non resolve os problemas territoriais existentes ou que é un atranco para chegar a unha solución dos conflitos que nos preocupan, Feijóo resaltou as transformacións e melloras que experimentou Galicia en todos os índices de referencia nestas catro décadas.

Así mesmo, e en canto á capacidade do Estado das Autonomías para satisfacer as demandas e inquedanzas actuais, o titular do Goberno galego asegurou que así como a existencia de preitos non cuestiona a solidez dunha sociedade, tampouco os conflitos competenciais son unha ameaza para o Estado democrático.

“Sería diferente se eses preitos non se someteran á lei e á xustiza. E é diferente cando, mediante unha sedición, se atenta contra a convivencia de todos”, precisou, incidindo en que non se lle pode achacar ás autonomías problemas que nada teñen que ver con elas, nin enganarse pensando que unha revisión total do sistema autonómico ou unha reformulación federalista, calmarían aos que perseguen unha ruptura total e unilateral.

O presidente da Xunta concluíu referíndose á obra que hoxe se presenta cunha ilustración que recorda á Xeración Nós, como unha xoia bibliográfica na que se contén un tesouro da galeguidade.

Imaxes relacionadas