A Xunta concede novos carnés de voluntarios de Protección Civil ás agrupacións de Poio, Vilaboa, Meis e Ribadumia no proceso de actualización dos seus integrantes

O delegado territorial, Luis López, realiza a entrega nun acto celebrado na explanada do edificio administrativo coa presenza dos alcaldes Luciano Sobral, César Poza, Marta Giráldez e David Castro e representantes das catro entidades

Repartíronse 13 identificacións á agrupación de Meis, 6 á de Poio, 2 á Ribadumia e unha á Vilaboa e está pendente a distribución á do Rosal

“A Xunta de Galicia ten un compromiso absoluto coa resolución das emerxencias e a atención aos cidadáns e toda colaboración e mellora son necesarias”, sinala
 

Pontevedra, 2 de xuño de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presidiu esta mañá o acto de entrega dos novos carnés de voluntarios a integrantes das Agrupacións de Protección Civil dos municipios de Poio, Vilaboa, Meis e Ribadumia nun acto celebrado no edificio administrativo de Campolongo.

O representante autonómico estivo acompañado polos alcaldes Luciano Sobral, César Poza, Marta Giráldez e David Castro e por presidentes e outros membros destas entidades e destacou a importancia deste proceso de identificación, que debe ser renovado cada catro anos.

“A Xunta de Galicia ten un compromiso absoluto coa resolución das emerxencias e coa atención, o máis cercana posible, aos cidadáns, polo que toda colaboración e mellora son necesarias, incluso no aspecto administrativo, xa que axuda a ter unha relación completa de membros e valorar axeitadamente o peso das agrupacións”, sinalou Luis López.

Este acto, enmarcado no proceso de actualización e regularización das Agrupacións de Protección Civil da provincia de Pontevedra, permitiu entregar 13 carnés á entidade Meis, 6 á de Poio, 2 á de Ribadumia e un á de Vilaboa, quedando só pendente, nesta quenda, a distribución ao Rosal.

“Temos 33 agrupacións na provincia, que fan un gran traballo con vocación de servizo público, e que contan coa colaboración da Xunta tanto na entrega de achegas para o seu funcionamento como na dotación de material de primeiro nivel para as emerxencias”, concluiu Luis López.

Imaxes relacionadas