O conselleiro de Sanidade salienta o necesario compromiso da comunidade educativa galega para promover unha conciencia social favorable á doazón co gallo do Día Nacional do Doante

Julio García Comesaña, presidiu o acto de entrega dos premios do VII Concurso de curtametraxes e do III Concurso de carteis para escolares relacionados coa doazón e o transplante, este último patrocinado por Supermercados GADIS

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu, xunto co director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Jesús Álvarez Bértolo, a entrega de premios aos gañadores do III Concurso de Carteis para escolares, co patrocinio de Supermercados GADIS, e do VII Concurso de Curtametraxes para escolares, ambos relacionados coa doazón e os transplantes, que tivo lugar hoxe co gallo da conmemoración do Día Nacional do Doador 2021.

O conselleiro de Sanidade quixo poñer en valor a especial sensibilidade dos máis novos a prol do solidario xesto da doazón e os transplantes de órganos, froito do traballo desenvolvido nos últimos anos en Galicia pola Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), e todos os membros da comunidade educativa galega.

Neste punto, Julio García Comesaña agradeceu a todos os membros da comunidade educativa, especialmente docentes e centros escolares, o esforzo e interese amosado para crear unha conciencia proclive á doazón de órganos, e felicitou aos participantes nos dous certames, pola súa especial sensibilidade a prol deste xesto solidario.

Tamén salientouse a importancia da colaboración do noso tecido industrial e empresarial que da apoio a iniciativas de promoción e sensibilización a prol da doazón, como Supermercados GADIS, que colabora desde hai anos no desenvolvemento do concurso de debuxo e lemas, así como en distintas iniciativas vencelladas á doazón.

Excelente evolución

Nesta data, o conselleiro de Sanidade quixo subliñar a excelente evolución do programa de transplantes e remarcou que, no transcurso do pasado ano, e a pesar da crise sanitaria pola covid, acadouse unha cifra de 110 doantes de órganos, que permitiron desenvolver 328 transplantes. Así mesmo, Julio García Comesaña incidiu que, na actualidade e a data do pasado 31 de maio, 118.609 galegos e galegas contan con tarxeta de doante de órganos, cifra que medra progresivamente ano tras ano.

O conselleiro de Sanidade destacou o especial esforzo que se está a facer desde a Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS por achegar información relativa á

doazón e o transplante aos escolares galegos, desenvolvendo iniciativas como os concursos de curtametraxes e carteis, estando este último patrocinado por Supermercados GADIS, unha empresa referente no noso tecido empresarial e comercial, e que ten amosado unha especial sensibilidade na promoción de doazón tanto de órganos como de sangue.

Premiados

O acto celebrado hoxe no Museo Pedagóxico de Galicia, contou, ademais, coa presenza do director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas; da directora de ADOS, Marisa López García; e Iria Rodríguez Martínez, responsable de RRPP de GADISA, empresa patrocinadora do certame de carteis.

Os asistentes salientaron a creatividade e calidade dos traballos presentados nesta edición, na que o xurado tivo que seleccionar os galardoados entre 544 carteis de 25 centros escolares e 17 curtametraxes de oito centros educativos, sendo unha das edicións con maior participación de todas as desenvolvidas ata o momento.

Nesta terceira edición de concurso de carteis para escolares relacionado coa doazón e o transplante, acadou o primeiro premio, na categoría de 5º e 6º cursos de Educación Primaria, “Podemos facer que agrome a vida”, de Lorena Alonso Cobelas do CEIP Castelo do Miño (Ourense), e o segundo premio recaeu en “Doar é a bomba”, de Naiara Álvarez Silva, do CPI de Cova Terreña (Baiona).

Na categoría de primeiro ciclo de ESO resultou gañador o traballo “Ti decides”, de Lara Pinciroli do IES Urbano Lugrís (A Coruña), e o segundo premio foi para “Fai da doazón a túa melodía”, de Nerea Barros Vidal do CPR Montesol (Vigo).

Polo que atinxe ao VII Concurso de Curtametraxes para escolares relacionado coa doazón e os transplantes, o primeiro premio foi para o traballo “Trasplántate e Vive+”, de Marco Rivas Campelo e Ángela Rosales Piñeiro, do IES Chan do Monte (Marín), mentres que o segundo premio foi para a curtametraxe “Depende de ti”, de Miriam Caiña García, Mateo Fernández Filloy, Blanca González Fernández, Óscar Fumega Rodríguez e Candela Cerdeira Dapena, do IES Nº1 (O Carballiño).
 

Imaxes relacionadas