A Xunta adxudica as obras de mellora do firme de 4 estradas autonómicas nas comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal por preto de 1,2 millóns de euros
O comezo das obras prevese a finais de xuño e executaranse nun prazo de 6 meses
Os traballos levaranse a cabo nas estradas AC-101, AC-546, AC-566 e AC-861, en Cedeira, Ortigueira, Cabanas, A Capela e As Pontes
As actuacións inclúen a limpeza de cunetas, o acondicionamento de interseccións, a rehabilitación do firme e a instalación de nova sinalización
A Xunta continúa traballando na conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou as obras de mellora do firme en catro estradas autonómicas nas comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal, por importe de preto de 1,2 millóns de euros.
As actuacións, adxudicadas á empresa Arias Infraestructuras S.A, comezarán a finais do mes de xuño e terán un prazo de execución de 6 meses.
Os traballos consistirán no acondicionamento da capa de rodadura das estradas AC-101, AC-546, AC-566 e AC-861, ao seu paso polos concellos de Cedeira, Ortigueira, Cabanas, A Capela e As Pontes.
De modo máis concreto, na estrada AC-101, actuarase entre os puntos quilométricos 1+300 e 29+607; na AC-546, entre o 0+060 e o 26+030; na AC-566, entre o 30+500 e o 41+560; e na AC-861, entre o 20+920 e o 24+860.
Os traballos inclúen a limpeza de cunetas, o acondicionamento dalgunhas interseccións, a rehabilitación do firme e a instalación de nova sinalización.
Segundo o treito, levaranse a cabo traballos de fresado de 6 cm e a posterior reposición co mesmo espesor con aglomerado. Ademais,estenderase microaglomerado en frío para a mellora na adherencia nas curvas.
A Xunta continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns.