Luis López asiste á presentación da fase de ascenso a Primeira Nacional de Balonmán organizada polo Asmubal Meaño

O delegado territorial traslada os parabéns ao clube polo seu título galego e pola “gran organización” que está a realizar para este torneo, que ten o apoio da Xunta

O representante autonómico agradece á Federación Española “a súa aposta por Galicia e Meaño” e dalle a benvida ao Grupo Astur, Realejos e Zarautz

Cambados, 2 de xuño de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, vén de asistir, na Adega Aquitania de Cambados, ao acto de presentación oficial da Fase de Ascenso a Primeira Nacional de Balonmán, organizada polo Asmubal Meaño e que se celebrará esta vindeira fin de semana, do 4 ao 6 de xuño, no pavillón de Coirón, na localidade de Dena.

Luis López, acompañado pola presidenta do clube, Silvia Lobato, e outros representantes deportivos e institucionais, trasladoulle os parabéns, en nome do Goberno galego, ao clube meañés pola consecución do título da Primeira Autonómica e pola clasificación para este playoff por vez primeira nos seus 33 anos de historia.

Así mesmo, louvou a “gran organización” que está a realizar o equipo durante estes días “para que o evento saia á perfección, sexa un éxito deportivo e social malia as necesarias restricións sanitarias e de aforo, nos permita ir recuperando paseniñamente a normalidade e proxecte a mellor imaxe de Galicia” dada a presenza de equipos de Asturias, País Vasco e Canarias.

O representante autonómico, que destacou o apoio e colaboración da Xunta de Galicia para a celebración desta competición, agradeceu á Federación Española de Balonmán “a súa elección e aposta por Galicia e por Meaño” como sede desta fase de ascenso e deu a benvida aos clubes Grupo Astur, Realejos e Zarautz, que serán os rivais do Asmubal na loita polo ascenso.

Imaxes relacionadas