O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e o director da Fundación Catedral visitan os traballos postos en marcha nas cubertas e as Torres da Vela e do Tesouro

Román Rodríguez sitúa a rehabilitación da catedral de Santiago como exemplo a seguir no Plan catedrais que ultima a Xunta

Salienta a calidade das últimas actuacións de renovación integral das cubertas, que permiten manter a esencia coa que foron ideadas grazas á tecnoloxía do S.XXI

Alixérase en preto de 750.000 kg o peso das cubertas e actúase en 250 metros lineais de canles para evacuar cinco millóns de litros de auga ao ano

A intención é que a folla de ruta do Goberno autonómico para o resto de templos catedralicios tome de base estas fórmulas de cooperación institucional

Santiago de Compostela, 1 de xuño 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, supervisaron hoxe os traballos de rehabilitación das cubertas da Catedral de Santiago e as Torres da Vela e do Tesouro, que se enmarcan nas actuacións que se están a levar a cabo co apoio da Xunta de Galicia e grazas a un convenio financiado en 2015 pola Administración xeral do Estado dotado con 17 millóns de euros cuns traballos que, ademais, facilitan a conservación da Catedral para o futuro.

Durante a visita, Román Rodríguez salientou a calidade e minuciosidade técnica dos traballos realizados en ambas zonas que están a permitir unha renovación integral das cubertas mantendo a esencia ideada por Pons Sorolla no século XX pero empregando con acerto toda a modernidade tecnolóxica do século XXI. Destacou, ademais, que son resultado dos esforzos colectivos levados a cabo nos últimos anos co compromiso e cooperación de todas as administracións e entidades implicadas.

Trátase, engadiu, dunha fórmula que serve de exemplo para as actuacións nas que a Xunta de Galicia está a traballar no marco do Plan Catedrais, para rehabilitar os templos catedralicios da Comunidade no período 2021-2027.

Máis de 4 millóns

As actuacións que visitaron hoxe contan cun orzamento no seu conxunto de máis de 4 millóns de euros. Por unha banda trátase da renovación integral e completa das cubertas da nave maior e o transepto empregando técnicas que contribuirán a achegar seguridade e reversibilidade asegurándose que para as futuras tarefas de mantemento e posibles traballos de reparación puntual se poidan facer realizando fáciles desmontaxes sen que se vexa influído o sistema construtivo. Actuouse nunha superficie total de 2.432 metros cadrados.

Alixeirouse en 745.996 kg o peso das cubertas e aproveitouse esta obra para mellorar e ordenar todo o sistema de evacuación de auga de choiva das cubertas, que era un dos maiores axentes de deterioros. En concreto, as actuacións inclúen 250 metros lineais de canles para evacuar cinco millóns de litros de auga ao ano. Tamén se actuou na Torre da Vela, restaurando os paramentos exteriores e a impermeabilizando as cubertas e fachadas e se fixo unha reposición de carpinterías das fiestras e da porta de acceso á terraza exterior.

No caso da Torre do Tesouro, a intervención inclúese nunha actuación moito maior dentro da restauración da fachada que se abre á praza das Praterías. Ao mesmo tempo, os traballos de restauración foron acompañados de catas arqueolóxicas que contribuíron a aclarar moitas das cuestións que aínda quedan por resolver sobre a construción e evolución do monumento.

Todas estas actuacións enmárcanse nas obras de conservación e mantemento da Catedral de Santiago levadas a cabo nos últimos anos cun proxecto que permitiu que o templo estivese listo para abrir a Porta Santa e iniciar o Xacobeo 21-22 nas mellores condicións de conservacións. No seu conxunto foi unha maiores actuacións realizadas nun Patrimonio Mundial na última década que inclúe obras de gran envergadura que en moitos casos deron paso a outras actuacións.

Foron posibles co esforzo colectivo da Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación Catedral de Santiago, desde hai varios anos e con máis intensidade desde o ano 2015 grazas ao convenio financiado pola Administración xeral do Estado.

Imaxes relacionadas