Preto de 17.000 persoas da provincia de Lugo xa descargaron o Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou esta ma-ñá varios dos 49 negocios que se uniron a este programa no concello de Ribadeo

As persoas interesadas en descargar o bono desconto de 30 euros aínda poden facelo a través da web bonosactivacomercio.gal

Ribadeo (Lugo), 1 de xuño de 2021

O director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Manuel Heredia, visitou esta mañá varios dos 49 establecementos adheridos ao programa do Bono Activa Comercio en Ribadeo, onde xa son preto de 400 os usuarios desta iniciativa. Polo que respecta á provincia de Lugo, un total de 16.911 persoas descargáronse o bono para mercar nalgúns dos 814 tendas que se uniron a este proxecto de dinamización do comercio de proximidade da Xunta de Galicia.

Durante o seu percorrido por algúns dos comercios que se quixeron sumar a este pro-xecto –Farfala Kids; Mercería Torviso; Anais Moda Ribadeo; La Floristería; Libraría Bahía; Xoiería Azabache; Óptica Carreira; e La Moda Sport–, Manuel Heredia destacou a gran acollida que está a ter a campaña, apuntando a que na Mariña son máis de 240 os establecementos onde se poden gastar os bonos desconto por valor de 30 euros, unha opción que xa escolleron 4.100 persoas na comarca.

Así mesmo, os clientes que aínda non conten co seu bono poden rexistrarse na web bonosactivacomercio.gal e descargar os vales desconto –o prazo de inscrición para os comerciantes rematou o onte luns–. O importe de cada bono irase consumindo en función do valor da compra: as que sexan iguais ou superiores a 30 euros terán un desconto de 5 euros, mentres que ás compras iguais ou superiores a 50 euros lles corresponde un desconto de 10 euros.

Os Bonos Activa Comercio, postos en marcha desde a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, en colaboración coa Federación Galega de Comercio, forman parte do Plan de medidas específicas de apoio ao comercio galego que conta con axudas para incentivar o consumo e apoiar a modernización do sector a través da dixitalización e o comercio en liña. Así, contan cun orzamento de 10M€ cos que se pretenden mobilizar 55 millóns no sector e chegar a 330.000 clientes en toda Galicia.

Imaxes relacionadas