Lete Lasa destaca a prevención e as probas diagnósticas como ferramentas chave no éxito da xestión da pandemia no ámbito deportivo da área sanitaria de Vigo
Na charla informativa mantida hoxe na Casa do Deporte de Vigo
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou a charla informativa sobre a xestión da pandemia da Covid19 no ámbito deportivo da área sanitaria de Vigo, que contou coa participación do xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, o xefe do servizo de Microbioloxía da Área Sanitaria de Vigo, Benito Regueiro e a especialista en Medicina Preventiva da Área Sanitaria de Vigo, María Herranz. A charla foi organizada en colaboración coa Unión de Federacións Deportivas Galegas (Ufedega).
O mandatario galego apuntou á importancia da actividade física na saúde da poboación como demostran os resultados preliminares do estudo da incidencia de SARS-COV-2 na poboación infantil e xuvenil (≤18 anos) que practica deporte federado, levado a cabo polo Sergas en colaboración co Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña. Neste sentido apuntou que, a actividade física frecuente mellora substancialmente a forma física e o estado de saúde de nenos e novos. En comparación cos nenos e mozos inactivos, os que fan exercicio presentan un mellor estado cardiorrespiratorio e maior resistencia muscular, e unha mellora da súa saúde, menor graxa corporal, un perfil de risco de enfermidade cardiovascular e metabólica máis favorable, unha mellor saúde ósea, e unha menor presenza de síntomas de ansiedade e depresión
Do mesmo xeito, ademais da xestión ordinaria da Secretaría Xeral para o Deporte que contribuíu a minimizar os efectos da pandemia cun incremento do orzamento xeral en 2021 do 28,5%, Lete Lasa destacou a “colaboración coas entidades deportivas que fixo posible a aprobación do protocolo FISICOVID-DXTGALEGO no que se estableceu a metodoloxía para seguir polas federacións deportivas para dotarse de medidas de prevención necesarias e específicas, e de obrigada observancia para o conxunto dos estamentos federativos”. Deste xeito, Galicia veuse dende moi cedo protexida polos protocolos federativos, das instalacións deportivas como o CGTD, así como as Guías DXT Galego ‘Volvendo con sentidiño’, as ‘Pílulas Solidarias’ coa Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte, a plataforma ‘Adestra na Casa’ ou Foro de Reactivación do Deporte.
No caso dos responsables médicos, destacaron o índice de trazabilidade do 81% da comunidade galega e a capacidade da área sanitaria de Vigo para realizar 15.000 probas diagnósticas ao día. O control levado a cabo polo eido sanitario e a prevención e seguridade esixidas polo tecido deportivo galego comparecen como ferramentas chave no éxito da xestión da pandemia na área sanitaria de Vigo.