A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta mañá o Espazo Xove carballés

A Xunta leva as actividades de Primavera Xove aos concellos de Carballo, Vilagarcía e Tui

A programación inclúe un obradoiro de customización de roupa, actuacións musicais, karaoke e charlas sobre temas moi diversos

Carballo (A Coruña), 28 de maio de 2021

O programa Primavera Xove da Xunta de Galicia celebrou hoxe unha nova xornada nos Espazos Xove de Carballo, Vilagarcía e Tui. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu esta mañá á feira celebrada no centro do concello carballés, onde tivo lugar unha mesa redonda para falar sobre o comercio en tempos da covid-19.

Cristina Pichel destacou durante a súa visita a importancia deste tipo de actividades, que rematan hoxe e que levaron aos diferentes Espazos Xove de Galicia unha feira de ocio educativo para a mocidade da súa contorna todos os venres de maio. Neste senso, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado puntualizou que estas iniciativas son unha oportunidade única para garantir que a xuventude poida ter un ocio seguro ao tempo que segue desfrutando de foros formativos e espazos de entretemento.

O Espazo Xove de Carballo acolleu, así, durante a xornada de hoxe diferentes actividades, a primeira sobre customización de roupa, onde se fixeron estampacións de camisolas, un obradoiro de acuarela, unha actividade sobre expresión comunicativa para mellorar as habilidades de comunicación oral, e unha audición musical da man do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Carballo. Como remate das xornadas levouse a cabo un obradoiro de emprendemento musical.

Graffiti en Vilagarcía e karaoke en Tui

O Espazo Xove do concello de Vilagarcía de Arousa tamén acolleu diferentes iniciativas, entre as que destacaron unha charla sobre iniciativas xuvenís e asociacionismo coa asociación Arousa Moza, o grupo informal Murphy e a asociación Saraiba do Mar e un obradoiro de graffiti a cargo de Vella Escola.

Pola súa banda, na localidade pontevedresa de Tui a xornada comezou cun coloquio informativo sobre programas de interese para a mocidade galega, seguido dunha representación artística e un obradoiro de banda deseñada. Tamén tivo lugar unha exposición de fotografía e una sesión musical de karaoke e DJ.

Para máis información sobre a programación da iniciativa Primavera Xove: http://xuventude.xunta.es/primavera-xove