A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou telematicamente na actividade desde a Cidade da Cultura

Política Social pon en valor os proxectos de voluntariado miúdo dos centros educativos cun encontro virtual

Entre os obxectivos do programa atópase o desenvolvemento de competencias clave como o traballo en equipo ou a busca de vivencias solidarias achegadas aos contextos máis próximos dos nenos e nenas

Santiago de Compostela 28 de maio de 2021

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou hoxe no encontro virtual do programa Voluntariado Miúdo: Móvete, unha iniciativa da Consellería de Política Social enmarcada no Plan Proxecta coa que se busca favorecer o voluntariado desde idades temperás. Este programa, desenvolto ao longo de todo o curso polos nenos de infantil e primaria de seis centros educativos, serve como instrumento de formación integral do alumnado de Educación Primaria ao redor dos valores asociados ao voluntariado e á solidariedade.

Cristina Pichel aproveitou o acto para poñer en valor este tipo de actividades, posto que axudan a promover a educación en valores e asentar a cultura solidaria desde pequenos. O obxectivo desta proposta é facilitar entre o alumnado o desenvolvemento eficaz das competencias clave como o traballo en equipo, promover vivencias solidarias achegadas aos seus contextos máis próximos e adecuadas ao seus ciclos educativos e, por outra banda, facilitar o empoderamento do alumnado na toma de decisións dos seus proxectos solidarios cun impacto directo no entorno.

Neste curso 2020-21 participaron no programa seis centros educativos e preto de 800 alumnos e alumnas, que aproveitaron o encontro para coñecerse e, ademais, contar as súas experiencias e actividades, como foi caso das accións de acompañamento e comunicación coas persoas maiores do centro de día de Cambados e Cuntis, entre outros, ou a elaboración de recursos didácticos sensoriais para o alumnado do Centro de Educación Especial Santa María de Lugo.

Imaxes relacionadas