Ethel Vázquez avanza a previsión de rematar neste ano as obras que completan a mellora da seguridade viaria e da mobilidade dos veciños de Seixalbo, cun investimento da Xunta de case 1M€

Vázquez Mourelle sinala que se actuará nun tramo de 350 metros reordenando a sección transversal para mellorar a circulación dos peóns e do tráfico rodado

Destaca a construción dunha rotonda no acceso á rúa Canizo, de gran complexidade porque case a metade é en estrutura, mellorando a entrada ao tanatorio por esta vía, cun carril central para facilitar os xiros á esquerda

Concreta que na entrada e saída á rúa Canizo se executará unha senda na marxe dereita ata conectar coa estrada OU-105

Salienta que se habilitarán beirarrúas e un paso de peóns con iluminación e regulación semafórica para acceder con maior seguridade á parada de bus

Subliña que esta actuación da continuidade á executada en 2019 nun treito de 1,5 km, entre o tanatorio e O Cumial, sumando un investimento total de 1,8 M€

Remarca a aposta da Xunta por Ourense coa mellora da rúa Marcelo Macías, que rematará en xullo, ou a posta en valor da Ponte Vella na zona dos Remedios
 

Ourense, 28 de maio de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou a previsión de rematar neste ano as obras que completan a mellora da seguridade viaria e da mobilidade dos veciños de Seixalbo, en Ourense, cun investimento da Xunta de case 1 millón de euros.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou hoxe a marcha dos traballos na estrada autonómica OU-105, na contorna do tanatorio.

Salientou que a Xunta cumpriu o seu compromiso e comezou hai dúas semanas estas obras, que teñen un prazo de execución de 8 meses e constitúen unha actuación integral e ambiciosa para acadar unha contorna adaptada ás necesidades de mobilidade de Seixalbo.

Detallou que a nova actuación incidirá na reordenación do tráfico, na mellora da mobilidade, na renovación de firmes e pavimentos e na dotación de iluminación e servizos na contorna do tanatorio.

Sinalou que esta reforma redundará no reforzo da seguridade viaria de todos os usuarios da estrada OU-105 pero, especialmente dos peóns, que son usuarios vulnerables.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade precisou que se actuará nun tramo de 350 metros reordenando a sección transversal da estrada para optimizar a circulación dos peóns e do tráfico rodado. Para isto, destacou a construción dunha nova rotonda no acceso á rúa Canizo, de gran complexidade porque case a metade será en estrutura, mellorando a entrada ao tanatorio por esta vía, cun carril central de espera para facilitar os xiros á esquerda.

Puntualizou que a rúa Canizo será de sentido único, desde o seu inicio ata o tanatorio, e de dobre sentido desde o tanatorio á nova glorieta.

Coa fin de favorecer a mobilidade dos vehículos e dos peóns que circulan por esta vía, na entrada e saída á rúa Canizo executarase unha senda na marxe dereita ata conectar coa estrada OU-105.

Ademais habilitaranse beirarrúas e un paso de peóns con iluminación específica e regulación semafórica para dar continuidade aos percorridos peonís e acceder con maior seguridade á parada de bus.

A actuación completarase coa mellora dos firmes e dos pavimentos, xunto co alumeado, saneamento e drenaxe e a mellora da sinalización e balizamento en todo este treito.

Ethel Vázquez explicou que estas actuacións dan continuidade ás xa executadas en 2019 nun treito de 1,5 km, entre o tanatorio e O Cumial. Nesa intervención construíuse unha glorieta, eliminouse o terceiro carril para calmar o tráfico e dispoñer espazo para carrís centrais e aparcadoiros, melloráronse os pasos de peóns e instaláronse marquesiñas.

Concluíu salientando que a Xunta está a mobilizar nas dúas fases 1,8 millóns de euros no reforzo da seguridade e da accesibilidade, que contribúen á posta en valor do barrio e da cidade.

No marco da aposta do Goberno galego por Ourense, lembrou que a Consellería de Infraestruturas vén de sacar tamén a información pública o proxecto da senda nesta estrada OU-105 na Ponte Sevilla, que enlaza con esta de Seixalbo. Tamén recordou a intervención na rúa Otero Pedrayo e os proxectos que se están a desenvolver actualmente en Marcelo Macías, que finalizarán en xullo.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade referiuse á posta en valor da Ponte Romana na contorna da capela dos Remedios, na que se traballa intensamente, co novo skate park xa en uso e co compromiso de construír unha fonte para o aproveitamento da auga termal; e tamén á achega maioritaria, do 70%, que fai o Goberno galego ao parking da estación intermodal.
 

Imaxes relacionadas