O conselleiro do Medio Rural clausurou no Pazo de Quián a primeira edición do curso Gandeiros 20-30, na que participaron unha vintena de alumnos

A Xunta pon en valor a formación orientada á xestión empresarial como fórmula para impulsar o agro galego

O éxito desta iniciativa formativa propiciou a súa continuidade, con dous novos cursos que comezarán a semana que vén no propio Pazo de Quián e no CFEA Pedro Murias de Ribadeo

José González definiu a Estratexia de dinamización do sector lácteo como a gran aposta da Xunta pola mellora e promoción da calidade do leite galego, o impulso ao seu valor engadido e a profesionalización deste colectivo

Salientou tamén a relevancia que ten para a mellora deste eido produtivo a recentemente aprobada Lei de recuperación da terra agraria, que facilitará obter máis base territorial aos gandeiros

Lembrou que a Xunta ultima unha aplicación informática que permitirá determinar de xeito sinxelo os custos de produción das explotacións, unha ferramenta clave na negociación para a venda do leite

Insistiu na importancia de que o leite que se produce en Galicia se transforme na nosa comunidade e que os gandeiros poidan entrar no capital das industrias interesadas en procesar o produto, como vía para mellorar os seus beneficios

Boqueixón (A Coruña), 27 de maio de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou hoxe a importancia da formación orientada á xestión empresarial que se está a impartir por parte da Xunta aos gandeiros, no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo. Fíxoo na clausura, no Pazo de Quián, da primeira edición do curso Gandeiros 20-30, na que participaron unha vintena de alumnos. Esta acción formativa terá continuidade con dous novos cursos para os gandeiros que principiarán a semana que vén no mesmo Pazo de Quián -no concello coruñés de Boqueixón- e na localidade luguesa de Ribadeo.

En concreto, a segunda edición desta iniciativa formativa arrancará no Pazo de Quián o vindeiro xoves 3 de xuño, mentres a que se impartirá no Centro de formación e experimentación agroforestal (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo empezará o venres 4. Os interesados en inscribirse poderán facelo enviando un correo electrónico ao enderezo agacal@xunta.es, indicando nome e apelidos da persoa solicitante, un teléfono de contacto e o código correspondente do Rexistro xeral de explotacións gandeiras (REGA) ou nome da gandería, poñendo no asunto “Curso Gandeiros 20-30”.

Neste acto, o conselleiro destacou a importancia da formación orientada cara a profesionalización, para garantir o futuro do sector leiteiro e sinalou que a Estratexia do lácteo afonda, precisamente, neste obxectivo, xunto co de procurar rendibilidade para os gandeiros pola súa actividade e de facilitar a transformación, en Galicia, do leite que se produce na nosa comunidade, entre outras finalidades.

Lei de recuperación

Nesta liña, José González insistiu na relevancia de dotar de maior base territorial ás explotacións, algo no que incide -lembrou- a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, recentemente aprobada. Esta lei, dixo o conselleiro, “está pensada para isto” e tamén se centra en facilitar base territorial ao redor das explotacións, co fin de fomentar alternativas como o leite de pastoreo, pola que poden optar, se así o desexan, os gandeiros. Precisamente, González recordou que este mesmo ano botará a andar a marca de leite de pastoreo de Galicia, para garantir e diferenciar este produto.

Neste contexto, o conselleiro falou tamén dos custos de produción das explotacións e trasladou que a Xunta está a ultimar unha “ferramenta informática que vai permitir de xeito moi sinxelo, para os gandeiros, coñecer e xestionar os seus custos de produción”. Engadiu ademais que se está a avaliar a posibilidade de que esta mesma aplicación se poida usar para integrar nela as declaracións de Facenda. Con esta ferramenta, dixo ademais Gónzalez, poderán acreditarse xuridicamente, en calquera negociación, estes custos, na procura dun prezo que permita non só cubrilos, senón facilitar a necesaria marxe de beneficio para os gandeiros.

No eido da comercialización, José González avanzou que se vai potenciar a marca Galega 100% na promoción fundamentada na súa orixe galega, nun contexto máis amplo dun indicativo para todos os produtos galegos de calidade diferenciada. No que atinxe á transformación, o conselleiro amosouse convencido das posibilidades e das vantaxes que ten para este sector atraer empresas interesadas en transformar o noso produto en Galicia.

Nesta liña, reiterou que a Xunta seguirá facendo esforzos “para tratar de que no capital social desas industrias haxa unha representación de gandeiros galegos”. Buscarase, así, unha “participación significativa no capital, por agrupacións de gandeiros, que permita, pola vía do reparto de dividendos, cando haxa beneficios, que tamén cheguen aos produtores”.

Imaxes relacionadas