A Xunta recibe 7 ofertas para a renovación de 200 novas marquesiñas de autobús que suporán un investimento autonómico de máis de 1,2 millóns de euros

Trátase dos contratos para a fabricación e subministro dos novos refuxios, cuxo prazo de execución é de 20 meses

Os servizos inclúen a fabricación destes refuxios a partir dun deseño integrado nas contornas rurais para proceder, posteriormente, á súa distribución

Con este novo contrato dáselle continuidade á primeira fase, na que se dispuxeron 152 marquesiñas, con versións rurais e urbanas, en diferentes municipios

A intervención, enmarcada no Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos de transporte público, facilitará a espera do autobús por parte dos usuarios

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na modernización dos servizos e das infraestruturas do transporte para responder de xeito eficiente ás necesidades reais dos cidadáns en materia de mobilidade
 

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu un total de 7 ofertas para a renovación de 200 novas marquesiñas de transporte público na comunidade, que suporá un investimento autonómico de máis de 1,2 millóns de euros

Trátase dos contratos para a fabricación e subministro dos novos refuxios, cuxo prazo de execución é de 20 meses.

As actuacións en contratación inclúen a fabricación destes refuxios a partir dun deseño integrado nas contornas rurais para proceder, posteriormente, á súa distribución.

Ademais do contrato de fabricación e subministro, a Xunta licitou tamén o contrato de servizo de asistencia técnica para estes traballos.

Esta nova iniciativa do departamento que dirixe Ethel Vázquez vénse sumar á primeira fase, impulsada en 2018, mediante a que xa se instalaron un total de 152 refuxios, con deseños para ámbitos urbanos ou rurais, en diferentes concellos de Galicia.

Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos de transporte público que está a impulsar o Goberno galego co obxectivo da creación dunha imaxe recoñecible das marquesiñas de Galicia.

A Consellería de Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, achégalles as marquesiñas aos concellos para que as instalen e asuman a súa conservación e mantemento.

Trátase de instalacións axeitadas ás paradas das liñas dos servizos de transporte interurbano de viaxeiros por estrada que ofrezan ao usuario unha protección fronte as inclemencias meteorolóxicas e melloren a comodidade durante a espera.

As marquesiñas contan cun deseño integrado na paisaxe, incluíndo materiais autóctonos como a madeira.

A Xunta, que vén de completar o Plan de Transporte Público de Galicia, continúa traballando na modernización dos servizos e das infraestruturas do transporte para responder de xeito eficiente ás necesidades reais dos cidadáns en materia de mobilidade.