O Consorcio Casco Vello de Vigo solicita ao IGVS o inicio da selección dos candidatos para as catro vivendas de Berbés 29

A presidenta do CCVV e delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destaca que é unha das maiores rehabilitacións acometidas; 795,70 metros cadrados

Sinala que este proceso de selección é o terceiro que se realiza este ano, co de San Francisco 15 en marcha e tras adxudicarse Berbés 41 e Abeleira Menéndez 16

O comité executivo deu luz verde á demolición de tres plantas en Ferrería 16 fora de ordenación, o que permitirá axustar as dimensións do proxecto á escala orixinal

Vigo, 27 de maio de 2021

O Consorcio Casco Vello de Vigo acordou hoxe no consello de administración solicitar ao Instituto Galego de Vivenda e Solo o inicio do proceso de selección de candidatos que optarán ás catro vivendas incluídas na promoción de Berbés 29, tal e como informou a súa presidenta e delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

Trátase da maior das rehabilitacións acometidas polo organismo público nos últimos cinco anos, pois suman en conxunto unha superficie total rehabilitada de 795,70 metros cadrados que agrupa tres edificios Berbés 29 e 31 e Poboadores 40, adquiridos conxuntamente no ano 2018.

Segundo detallou a representante autonómica, a solicitude ao Instituto Galego de Vivenda e Solo inclúe os prezos establecidos para as catro vivendas de protección autonómica, que poden experimentar lixeiros cambios en función de posibles variacións na superficie unha vez conclúan as obras no vindeiro mes de setembro.

Deste modo, a vivenda dun dormitorio e cunha superficie de 80,05 metros cadrados no primeiro andar ten un prezo proposto de 145.000 euros; as dúas de tipo dúplex, entre o segundo e o terceiro andar, cunha superficie de 117,65 e 118,60 metros cadrados adxudicaríanse inicialmente en 215.000 e 216.500 euros; mentres que o tríplex, de 82,40 metros cadrados e tres dormitorios, ten previsto un prezo de 152.500 euros. Todas inclúen o rocho correspondente a cada unha das vivendas.

Este proceso de selección é o terceiro que se realiza este ano para rehabilitacións promovidas polo CCVV, xa que na actualidade está aberto outro para a adxudicación de dúas vivendas en San Francisco 15, tamén na contorna do Berbés, e o pasado día 5 adxudicáronse as tres vivendas de Berbés 41 e Abeleira Menéndez 16.

Medidas urxentes

Por outra banda, o comité executivo do CCVV aprobou tanto o proxecto como o inicio do proceso de adxudicación para acometer unha serie de medidas urxentes na agrupación dos edificios situados en Ferrería 16 e Elduayen 39 por un importe de 111.043 euros.

A primeira destas medidas, que se acomete ante o inicio das perforacións do túnel na rúa Elduayen e a repercusión que as mesmas poidan ter nas edificacións lindeiras, consistirá na imprementación da estrutura metálica de soporte dando así inicio á rehabilitación deste inmoble. A segunda intervención, a demolición de tres plantas construídas fóra de ordenación en Ferrería 16 ten unha especial importancia urbanística debido a que permitirá axustar as súas dimensións logrando un menor impacto visual da rehabilitación, a sensación de maior amplitude na zona de Ferrería e a mellora de luminosidade e das vistas en toda esta zona.

Imaxes relacionadas