A Xunta busca identificar proxectos de hidróxeno verde para liderar o despegue desta tecnoloxía

O Goberno galego convoca unha convocatoria de manifestación de interese dirixida a iniciativas asociadas á cadea de valor industrial do hidróxeno renovable

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, apuntou que o obxectivo é definir as liñas estratéxicas de actuación e concretar os usos e demandas vinculadas a esta enerxía

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021

A Xunta de Galicia convoca unha manifestación de interese coa que se busca identificar os potenciais usos e proxectos do hidróxeno verde en Galicia e liderar así o despegue desta tecnoloxía en España. Así o anunciou esta mañá o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresas e Innovación, Francisco Conde, que estivo acompañado pola directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, durante a súa intervención nunha xornada organizada polo Inega para destacar as oportunidades que traerá para Galicia esta tecnoloxía en relación á transición ecolóxica e dixital.

O obxectivo desta manifestación de interese, tal e como apuntou Conde, é “definir as liñas estratéxicas de actuación nesta área e, polo tanto, identificar proxectos que nos poidan permitir fortalecer a cadea de valor e coñecer cales poden ser os usos e as demandas vinculadas ao hidróxeno verde”.

Para a Xunta, o hidróxeno verde preséntase como unha peza clave para reactivar a economía, xerar un modelo de crecemento e, sobre todo, para ter un vector de competitividade a través dunha enerxía que será determinante tamén no proceso de descarbonización e tamén un vector enerxético que vai permitir desenvolver cadeas de valor e de I+D+i en todo o tecido industrial.

Neste contexto, o vicepresidente económico salientou que a comunidade ten o marco idóneo para potenciar o desenvolvemento desta tecnoloxía, tanto desde o punto de vista normativo, xa que está aliñado coa Estratexia do Hidróxeno da UE e coa Folla de Ruta do Hidróxeno do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, como dos recursos a través dos fondos europeos. “Galicia quere formar parte desta nova oportunidade que se nos presenta para reforzar a competitividade do noso tecido produtivo e tamén para ter un mix enerxético sostible e que xere competitividade”, asegurou Conde.

Así, a candidatura que presenta o Goberno galego para optar aos fondos Next Generation centra un dos seus obxectivos na produción de hidróxeno renovable, tendo en conta que un 40% dos 70.000M€ previstos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno dedicarase á sustentabilidade climática e á transición cara un modelo enerxético renovable.

A Xunta considera esta tecnoloxía como unha oportunidade para reindustrializar Galicia a través da innovación, a tecnoloxía e o talento e poder responder así aos desafíos da transformación dixital e ecolóxica. “Trátase dun escenario clave para reactivar a economía, xerar novos empregos, contribuír á cohesión económica e social e o queremos facer da única forma que sabemos traballar, que é coa colaboración público-privada”, apuntou Francisco Conde.

Imaxes relacionadas