A Xunta activa este domingo o programa turístico ‘Elixe Galicia’ para a mocidade, pensionistas e familias coa participación dunha decena de establecementos do Salnés

O delegado territorial, Luis López, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, presentan a iniciativa no porto do Grove na compaña do alcalde, José Cacabelos, e dos xerentes dos hoteis Montemar, Villa Juanita e La Noyesa

Turismo de Galicia asume o 40% das experiencias e os usuarios aboarán o 60% restante, cifrado entre 129€ e 222€ segundo o paquete escollido

A medida, que pretende impulsar o turismo interno fóra da tempada estival, será xestionada polas axencias de viaxes, que informarán da resolución en dez días
 

O Grove, 26 de maio de 2021

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, vai comezar este domingo co desenvolvemento do programa turístico Elixe Galicia, orientado a impulsar o turismo interno fóra da tempada estival entre os colectivos da mocidade de 18 a 30 anos, os pensionistas que teñan máis de 55 anos e as familias co fillos menores.

Esta nova campaña de reactivación turística, que conta coa participación dunha decena de establecementos hoteleiros do Salnés e un de Cuntis, foi presentada esta mañá polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, no porto do Grove e a través dun pequeño paseo en catamarán pola Ría de Arousa –un dos produtos máis demandados– na compaña do alcalde do Grove, José Cacabelos, Lidia Vidal, en representación de CN Travel, e os xerentes dos aloxamentos Montemar, Villa Juanita e La Noyesa, que son os tres participantes da vila meca.

O programa Elixe Galicia, que vén de recibir en Fitur o premio ao Mellor Produto de Turismo Activo, ten que formalizarse exclusivamente nas axencias de viaxes e os solicitantas recibirán a resolución –ditaminada por orde cronolóxica de presentación– nun prazo de dez días, o que lles permitirá gozar de estancias de entre 3 e 5 días, dependendo do paquete escollido, entre este domingo 30 de maio e o 15 de novembro agás no período comprendido do 21 de xuño ao 10 de setembro, pontes e datas festivos.

A Xunta de Galicia asume o 40% do custo das experiencias e os usuarios aborán o 60% restante, cifrado entre 129€ e 222€ segundo o programa seleccionado, que son os de Balnearios/Termalismo, Natureza e Montaña, Vacacións en Zonas Costeiras e Historia e Cultura. En total, hai dez estancias deseñadas por toda Galicia que se reparten entre as Rías Baixas, con catro diferentes, as Rías Altas e A Mariña Lucense.

A iniciativa conta coa participación de 23 hoteis de toda Galicia e dez deles pertencen á provincia de Pontevedra con seis de Sanxenxo (Spa Galatea, Sun Galicia, Pedramar, Troncoso, Villa Cabicastro e Campomar), os tres xa citados do Grove, o Hotel San Marcos de Cambados e o Balneario Termas de Cuntis.

“Trátase dunha marabillosa iniciativa, tal e como vén de ser recoñecida en Fitur, que favorece a colectivos que ás veces teñen máis dificultades para programar unhas vacacións, que colabora cos hoteis, axencias de viaxes e demais establecementos de hostalaría vencellados ao turismo a seguir coa reactivación e que axuda a que todos sigamos coñecendo as moitas cousas que ten que ver e que gozar a nosa terra”, manifestou Luis López.

O delegado territorial salientou que se trata “dunha iniciativa máis das moitas que está a impulsar a Xunta para apoiar, ben de xeito directo con axudas ben de forma indirecta con estes programas de estímulo, aos sectores do turismo e da hostalaría” e destacou a fortaleza da bisbarra do Salnés neste eido, “como se ve no peso específico das ofertas, estancias, experiencias e produtos engadidos ao Elixe Galicia, aínda que hai infindas posibilidades en toda a comunidade”. Deste xeito, convidou a todos os galegos pertencentes aos colectivos beneficiarios a “aproveitarse desta oportunidade, apoiar aos nosos sectores e seguir afondando en todo o moito bo que ten esta terra”.
 

Imaxes relacionadas