Luis López pon en valor a recuperación das probas de motor na provincia coa celebración do III Rallye de Pontevedra no mes de xuño

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra asiste á presentación da proba, organizada pola Escudería Congostra Team, no Real Clube Náutico de Sanxenxo xunto ao alcalde, Telmo Martín

“As carreiras forman parte da idiosincrasia de moitos pobos galegos e teñen un tirón que arrastra a milleiros de siareiros, polo que é unha boa nova que vaiamos recobrando a normalidade con responsabilidade e sentidiño”, manifesta

Sanxenxo, 25 de maio de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, puxo en valor a recuperación das probas de motor na provincia e en toda a comunidade coa celebración, entre os vindeiros 18 e 20 de xuño, do III Rallye de Pontevedra, organizado pola Escudería Congostra Team e que conta coa colaboración do Goberno galego.

O responsable autonómico asistiu este mediodía, no Real Clube Náutico de Sanxenxo, ao acto de presentación oficial desta competición, que tamén contou coa presenza do alcalde, Telmo Martín, e de representantes da organización, doutras entidades colaboradoras e dos concellos polos que discorrerán os tramos, que son, ademais do anfitrión, os de Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e Meaño.

“É unha gran nova que, tras 15 meses moi complicados pola crise sanitaria, vaiamos recuperando espazos e actividades da nosa vella normalidade, aínda que os avances hai que facelos con responsabilidade e sentidiño, que é o que propón a Escudería Congostra Team e á que quero agradecerlle o seu enorme traballo e esforzo en nome da Xunta de Galicia”, sinalou Luis López.

O delegado territorial salientou que “as carreiras e as probas de motor forman parte da idiosincrasia de moitos pobos e bisbarras de Galicia e ademais teñen un enorme tirón que arrastra a milleiros de siareiros, polo que é moi importante que volvan ás nosas vidas, xa que ademais contan coa vantaxe de celebrarse ao aire libre, o cal incrementa a seguridade sanitaria e minimiza os riscos de contaxios nun momento especialmente importante posto que estamos a acoutar á covid grazas á vacinación”.

Imaxes relacionadas