A Xunta licita o contrato para a conservación e o mantemento das autoestradas AG-53 e AG-54 nos vindeiros 4 anos por un investimento de máis de 7,6 M€

Este contrato de conservación ordinaria e de vialidade invernal desenvolverase na autoestrada Dozón-Ourense (AG-53) e no seu ramal ao Carballiño (AG-54)

As empresas interesadas en levar a cabo estas actuacións no período entre os anos 2021 e 2025 poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 21 de xuño

O contrato inclúe as actuacións destinadas a garantir a circulación dos vehículos nesta vía en condicións axeitadas de seguridade e fluidez

O programa tamén abrangue os labores de conservación para manter en boas condicións os elementos da vía e corrixir carencias que dificulten a funcionalidade

Este contrato súmase aos destinados a asegurar a conservación e a vialidade invernal na rede autonómica de estradas convencionais, recentemente licitados por importe de máis de 130 M€

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2021

A Xunta vén de licitar o contrato de conservación e mantemento das autoestradas Dozón-Ourense (AG-53) e do seu ramal cara ao Carballiño (AG-54) para os vindeiros 4 anos por un investimento de máis de 7,6 millóns de euros.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica a licitación deste servizo que inclúe as tarefas de conservación ordinaria e de vialidade invernal nestas vías de alta capacidade de titularidade autonómica.

As empresas interesadas en desenvolver este contrato no período comprendido entre os anos 2021 e 2025 poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 21 de xuño.

As actuacións obxecto deste programa levaranse a cabo no tronco da autoestrada AG-53, no ramal cara ao Carballiño (AG-54), en todos os ramais de enlace e camiños de servizo e cruces coas citadas infraestruturas.

As actividades desenvolveranse tendo como base o centro de control e explotación existente no enlace coa estrada OU-504 en Cea, á altura do punto quilométrico 73,2 da AG-53.

Actuacións

Os traballos a realizar polo adxudicatario contemplan tarefas de vialidade destinadas a facilitar a circulación dos vehículos nesta vía en condicións axeitadas de seguridade e fluidez.

O contrato tamén abrangue as actividades de conservación ordinaria dirixidas a manter en boas condicións as características funcionais ou estruturais dos elementos da estrada e a corrixir os impactos negativos que poidan dificultar a correcta realización da súa función.

Ademais, a empresa adxudicataria deberá realizar as actividades de conservación extraordinaria destinadas a pór en situación inicial as características dos elementos da estrada, ou no seu caso, a mellorar os estándares iniciais.

Este contrato súmase aos impulsados pola Xunta para asegurar a conservación e a vialidade invernal na rede autonómica de estradas convencionais tamén durante os vindeiros 4 anos, recentemente licitados por importe de máis de 130 M€.