A Xunta reforzará desde o sábado o transporte público entre a Coruña e Oleiros para mellorar o servizo ao polígono de Iñás e ao IES Miraflores

O novo itinerario mantén as paradas das liñas actuais desde Entrexardíns ao núcleo de Oleiros e engade un desvío á área comercial de Iñás con 12 novas paradas para rematar no IES Miraflores

Desde a súa posta en funcionamento contará con 43 servizos semanais, 7 ao día de luns a venres e 8 os sábados

O resto de liñas que conectan Entrexardíns e o núcleo de Oleiros amplían o seu percorrido ata o IES Miraflores, sendo unicamente necesario que 5 expedicións dos sábados modifiquen a súa hora de saída, atrasándoa 10 minutos

Os usuarios poderán consultar na web www.bus.gal os horarios e a nova configuración das paradas

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2021

A Xunta pon en marcha a partir do vindeiro sábado, día 29 de maio, unha nova liña de autobús que conectará A Coruña co polígono comercial de Iñás e tamén prolongará todos os servizos existentes que unen a cidade co núcleo de Oleiros ata o IES Miraflores.

Tanto a liña de nova creación, que dará servizo á área comercial, como as outras tres que se amplían ata o IES Miraflores, comparten o mesmo percorrido e as mesmas as paradas no treito comprendido entre o concello de Oleiros e Entrexardíns.

Este conxunto de modificacións, aprobadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, suporán trasladar á nova liña algúns dos servizos existentes desde Entrexardíns a Oleiros, polo que os usuarios habituais non verán modificados os horarios de saída e, á vez, permite conectar A Coruña co Polígono comercial de Iñás de xeito directo.

A nova liña engade, tras o seu paso polo IES Miraflores, un desvío ao polígono de Iñás que contará coas paradas de Fonte Douro, rúa Silvas, Carrefour, Centro Comercial, Arenaza, Decathlon, rúa Bergantiños, Royal Palace, Cristo Rey e A Cruz. Finalizado este percorrido, a liña volve ao instituto, onde remata o seu itinerario.

Desde a súa posta en funcionamento, esta nova liña contará con 43 servizos semanais, 7 ao día de luns a venres e 8 os sábados, con horarios que comezan ás 9,20 horas e rematan ás 21,20 horas.

Por outra banda, a outra modificación acordada prolonga ata o IES de Miraflores as liñas que conectan actualmente Entrexardíns e o núcleo de Oleiros, das que unha está deseñada como circular.

Entre a oferta completa de servizos que forman parte destas liñas foi preciso axustar a hora de saída de 5 expedicións dos sábados, que se atrasan 10 minutos.

Os usuarios poderán consultar na páxina web www.bus.gal os horarios dos servizos e a nova configuración das paradas que se engaden.

A Xunta continúa incorporando melloras nos servizos en resposta ás necesidades de mobilidade detectadas, froito do seguimento que mantén sobre o Plan de Transporte Público de Galicia que se completou o pasado mes de decembro.