A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia o cambio de titularidade a prol do Concello de Baños de Molgas da vía de acceso ao santuario da Nosa Señora dos Milagres

Trátase do treito final da estrada autonómica OU-103, entre os puntos quilométricos 4+870 e 5+090

Con esta transferencia o Concello asume a xestión e conservación destes tramos

O cambio de titularidade será efectivo desde mañá

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto polo que se autoriza o cambio de titularidade a prol do Concello de Baños de Molgas do treito final da estrada autonómica OU-103, que constitúe o acceso ao Santuario da Nosa Señora dos Milagres, situado no lugar dos Milagres do Medo, na parroquia de Vide.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado día 7 de maio: https://xurl.es/fjm4d

O Concello de Baños de Molgas manifestou ao departamento de Infraestruturas da Xunta o seu interese polo cambio de titularidade do tramo comprendido entre os puntos quilométricos 4+870 e 5+090, sendo informado favorablemente polos servizos da Axencia Galega de Infraestruturas ao ser unicamente vía de acceso ao citado santuario.

A transferencia a prol do Concello deste treito do viario autonómico tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que debe ser aprobado mediante decreto da Xunta, por proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente en materia de estradas.

Con este cambio de titularidade, que será efectivo desde mañá, o Concello de Baños de Molgas terá a competencia para actuar no treito final da estrada OU-103 e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

A entrega formalizarase mediante a sinatura da acta de entrega, no prazo dos dous meses seguintes á publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia.