O titular do Goberno galego participou esta mañá na posta en servizo da estación de autobuses intermodal de Santiago de Compostela

Feijóo subliña que a estación intermodal de Santiago, a primeira posta en funcionamento en Galicia, optimiza o acceso dos cidadáns ao transporte público e reforza o atractivo da capital

Pon en valor este proxecto é froito “dunha colaboración institucional intelixente e exixente” entre a Xunta de Galicia, o ADIF e o Concello de Santiago

Recorda que a nova estación de autobuses e a pasarela da intermodal supuxo un investimento conxunto de 18,5 millóns de euros, dos que 14,4 millóns foron achegados pola Xunta

Valora que os usuarios poden percorrer en apenas 3 minutos e a cuberto a distancia que separa as dársenas de autobús dos andéns de ferrocarril

Salienta a culminación da renovación e modernización das 3.100 liñas de autobús interurbano da Comunidade e que, desde onte, todos os mozos menores de 21 anos poden viaxar nos autobuses da Xunta de forma gratuíta coa tarxeta Xente Nova

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou esta mañá que a estación intermodal de Santiago, a primeira posta en funcionamento en Galicia, optimiza o acceso dos cidadáns ao transporte público e reforza o atractivo da capital.

Durante o acto institucional da posta en servizo da estación de autobuses da intermodal da capital galega, Feijóo puxo en valor que este proxecto é froito “dunha colaboración institucional intelixente e exixente” entre a Xunta de Galicia, o ADIF e o Concello de Santiago. “O entendemento é a única argamasa para que os albaneis, os peóns, os arquitectos, os enxeñeiros poidan construír e o entendemento é a única argamasa na política para que esas construcións sexan posibles e sexan realidades”, aseverou.

Tras incidir en que hoxe “Santiago é unha cidade mellor, máis grande, máis conectada, máis capital”, o titular do Goberno galego recordou que a nova estación de autobuses e a pasarela da intermodal supuxeron un investimento conxunto de 18,5 millóns de euros, dos que 14,4 millóns foron achegados pola Xunta de Galicia. Ademais, estas actuacións foron tamén cofinanciadas con fondos europeos FEDER 14/20,

Máis polo miúdo, Feijóo valorou as 35 dársenas de autobuses coas que conta, a previsión de transportar 2 millóns de pasaxeiros ao ano e tamén o feito de centralizar o transporte público nun único espazo no que os usuarios poden percorrer en apenas 3 minutos e a cuberto a distancia que separa as dársenas de autobús dos andéns de ferrocarril. A nova estación de Santiago “é un centro neurálxico do transporte que queremos construír”, abundou Feijóo.

 

Impulso ao transporte público


Logo de valorar este proxecto de estación intermodal como “o máis estrutural en materia de transporte e mobilidade que se fixo en 40 anos de autonomía”, o presidente da Xunta fixo fincapé na culminación da renovación e modernización das 3.100 liñas de autobús interurbano da Comunidade coa que a Xunta dá servizo de autobús aos 15.000 núcleos de poboación galegos. Ademais, salientou que, desde o día de onte, todos os mozos menores de 21 anos poden viaxar nos autobuses da Xunta de forma gratuíta coa tarxeta Xente Nova por toda Galicia.

En canto aos novos desafíos que afronta a Xunta no ámbito do transporte público, o presidente do Goberno galego avanzou que estes serán a coordinación racional de horarios entre autobuses e trens, o feito de que a posta de servizo do AVE veña acompañada do material rodante que permita acadar tempos de viaxe realmente competitivos entre Madrid e as principais cidades galegas e tamén facer unha “análise seria, rigorosa e apriorística sobre a evolución do transporte aeroportuario” en canto as estacións intermodais e a alta velocidade sexan unha realidade.

O presidente da Xunta, ademais de recoñecer “o traballo ben feito” de todos os profesionais da Administración autonómica e da empresa adxudicataria implicados nesta obra, lembrou que a xa vella estación de autobuses de San Caetano -para o que se iniciou no día de onte a contratación da súa demolición- terá o antes posible unha nova utilidade pública grazas ao proxecto de ampliación do complexo administrativo da Xunta.

Imaxes relacionadas