Todos os colexios de farmacéuticos de Galicia colaboran xa coa Xunta na detección da covid

Esta iniciativa xa está en marcha nas provincias da Coruña e Pontevedra, dende os meses de febreiro e marzo

Desde a súa posta en marcha, realizáronse ao redor de 82.000 probas, das que 177 resultaron positivas

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e os presidentes dos colexios oficiais de farmacéuticos de Lugo e Ourense, Alejandro Sánchez Pérez-Mel e Santiago Leyes Vence, respectivamente, veñen de asinar, esta semana, senllos protocolos de colaboración para a detección da covid a través das oficinas de farmacia das respectivas provincias, mediante a auto recollida dunha mostra de saliva. No acto de sinatura estiveron presentes, así mesmo, o secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada; e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo.

Coa sinatura dos protocolos, establécense as liñas de actuación e accións previstas para a detección de casos da covid en persoas que non manifesten síntomas, mediante a recollida de mostras de saliva a través das oficinas de farmacia de ditas provincias e o traslado delas ao laboratorio de microbioloxía do Sergas en Vigo.

Esta colaboración cos colexios de farmacia xa está vixente nas provincias da Coruña e Pontevedra, dende os meses de febreiro e marzo.

Así, as oficinas de farmacia das catro provincias galegas ofrecerán kits para a recollida de mostras de saliva ás poboacións diana establecidas pola Consellería de Sanidade, de 12 a 64 anos, para, posteriormente, enviar estas mostras ao laboratorio de microbioloxía da cidade olívica, onde se levarán a cabo as análises PCR polo sistema pooling. Unha vez analizadas, comunicaráselle o resultado ás persoas participantes e, no caso de obter un resultado positivo, realizaráselles unha proba PCR en mostra nasofarínxea.

Deste xeito, os cidadáns poderán ter unha proba PCR de saliva á súa disposición se a precisan, e os resultados que obterán contarán con todas as garantías do sistema de saúde galego. Dende a posta en marcha desta iniciativa, realizáronse ao redor de 82.000 probas, das que 177 resultaron positivas.

Imaxes relacionadas