O titular do Goberno galego participou esa tarde no acto de presentación da ampliación da tarxeta Xente Nova a todas as liñas de autobús da Xunta

Feijóo destaca que a extensión da tarxeta Xente Nova a toda Galicia permitirá desde hoxe 60 viaxes gratuítas ao mes aos menores de 21 anos e completa a aposta da Xunta polo transporte público

Precisa a modo de exemplo que, con esta iniciativa, a familia dun rapaz de Noia que acuda todos os días a estudar a Santiago aforrará 1.200 euros no transporte público, correspondente aos nove meses de período lectivo

Lembra que o Goberno galego destina 80 millóns cada ano á aposta polo transporte público, que garante o dereito dos cidadáns á mobilidade, diluíndo as fronteiras entre a Galicia urbana e a Galicia rural

Presenta esta iniciativa como unha ferramenta para promover a Galicia moza, familiar, verde e sostible

Noia (A Coruña), 21 de maio de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou esta tarde que a extensión da tarxeta Xente Nova a toda Galicia permitirá, desde hoxe, 60 viaxes gratuítas ao mes aos menores de 21 anos, en calquera das máis de 3.100 liñas de autobús renovadas que xestiona a Xunta, completando deste xeito a aposta rotunda polo transporte público.

Durante o acto de presentación, Feijóo expuxo a modo de exemplo que, con esta iniciativa, a familia dun rapaz de Noia que acuda todos os días a estudar a Santiago aforrará, aproximadamente, 1.200 euros nos nove meses de período lectivo.

“O transporte público é a nosa forma de garantir o dereito de todos os cidadáns á mobilidade e o seu acceso aos servizos esenciais; ao tempo que se dilúen as fronteiras entre a Galicia urbana e a Galicia rural e avanzamos cara a unha nova mobilidade máis limpa e responsable”, precisou, recordando que para blindar este servizo a Xunta destina 80 millóns de euros cada ano.

Nesta liña, ademais de garantir uns servizos axeitados e bonificar os prezos, subliñou tamén as actuacións que se están a levar para mellorar as estacións de autobuses, renovar as marquesiñas e impulsar a intermodalidade.

O presidente da Xunta concluíu presentando a tarxeta Xente Nova como unha ferramenta para promover a Galicia moza, familiar, verde e sostible.

Imaxes relacionadas