A Xunta presenta en Fitur 2021 a guía “Paseos que namoran”, unha escolla de 80 itinerarios polos mellores recunchos galegos

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, animou a desfrutar de andainas que van do campo ao mar e dos xardíns urbanos ás fervenzas dos ríos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou que esta iniciativa mostra o potencial de Galicia como destino sostible

Madrid, 21 de maio de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta animou en Fitur 2021 a percorrer os recunchos aos que invita “Paseos que namoran”, unha guía que recolle 80 traxectos para desfrutar de andainas cerca do mar ou da montaña, preto dos ríos ou nas paisaxes urbanas galegas.

Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou que un dos costumes que máis se botaron en falla durante a pandemia foron os pequenos paseos arredor da casa ou en contacto coa natureza “aptos para toda a familia, sen grandes esforzos físicos”. Agora que se vai retomando a normalidade, esta guía é unha boa opción para coñecer os mellores lugares para pasear por Galicia.

Os 80 itinerarios recollidos distribúense polas catro provincias galegas divididos en seis temáticas: Contemplando o mar (21 traxectos), Na ribeira do río (22), Descubrindo as fervenzas (19), Entre bosques e montañas (4), Patrimonio oculto (7) e Paseos urbanos (7). Son, en total, 214 quilómetros por 84 concellos; 29 na provincia da Coruña, 21 na de Lugo, 17 na de Ourense e 17 na de Pontevedra.

Tal e como explicou o vicepresidente en Fitur, a iniciativa encadra no modelo de turismo tranquilo que reclaman hoxe os visitantes e que coincide coa aposta galega por un turismo seguro, sostible e de calidade, do que o Camiño de Santiago é o buque insignia, pero que se complementa con estes percorridos máis pequenos e cómodos que axudan a descubrir recunchos moitas veces descoñecidos da Galicia urbana e rural, dos seus ríos e das súas costas.

O patrimonio natural galego

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou que esta iniciativa é unha mostra do potencial de Galicia como destino sostible, pois a nosa comunidade, dixo, non se entende sen un dos seus principais atractivos: o patrimonio natural. Unha gran cantidade de espazos ben conservados e que deben seguir así, pero sen renunciar ao seu uso e desfrute por parte de todos.

Nese sentido, subliñou que o turismo sostible é unha medida útil para a posta en valor das áreas protexidas e para divulgar e concienciar da súa riqueza, ao tempo que se contribúe á súa dinamización económica. En resumo, concluíu, coñecer Galicia é coidar do verde e do azul que identifican os seus valores.

“Paseos que namoran” é unha experiencia máis que se encadra no obxectivo da Xunta de seguir reforzando a imaxe de Galicia como destino seguro, para o que conta coa posta en marcha do seguro coronavirus, cun orzamento de 1,4 millóns de euros, para que os viaxeiros que se acheguen á nosa comunidade teñan cubertos os seus gastos sanitarios, de aloxamento ou transporte ante un posible contaxio.

O seguro coronavirus busca tamén a recuperación do sector turístico, e a súa posta en marcha é, así mesmo, unha medida de apoio ás axencias de viaxes e ás empresas do sector, que poderán ofertar Galicia como destino seguro aos seus clientes.

Ademais, a Xunta ten en marcha iniciativas de fomento do consumo interno como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que tivo unha gran acollida ao esgotarse as tarxetas en só 12 horas, xunto coa reactivación do programa Elixe Galicia. Entre ambas iniciativas a Xunta prevé inxectar 10 millóns de euros no sector turístico para axudalo na súa reactivación.

Imaxes relacionadas