Os servizos da actual estación de autobuses trasladaranse mañá á nova terminal da intermodal, construída a carón da estación de ferrocarril

A Xunta licita as obras de demolición da estación de autobuses de Santiago, que suporán un investimento de preto de 1,5 M€

A obra comezará en setembro e rematará a finais do ano ou comezos do próximo

Esta actuación deixará a parcela preparada para a construción do novo edificio administrativo da Xunta, cuxo proxecto está en redacción

A demolición abranguerá unha superficie de 13.301 m² distribuídos en tres andares e efectuarase practicamente na súa totalidade no interior da parcela

Ante o traslado da actividade á nova terminal, os usuarios que se dirixan á zona norte disporán de paradas en San Caetano, nos dous sentidos da avenida de Rodríguez de Viguri, e en San Lázaro, na capela e na rúa Clemente Fernández Sarela
 

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licita hoxe as obras de demolición da estación de autobuses de Santiago de Compostela, que suporán un investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación destes traballos, que se iniciarán en setembro e se desenvolverán durante un prazo de tres meses, polo que o seu remate se prevé para finais deste ano ou comezos do próximo. As empresas interesadas nestas obras teñen agora de prazo ata o 16 de xuño para presentar as súas ofertas.

O obxectivo da intervención é a demolición do edificio principal da estación de autobuses de Santiago, unha vez que queda sen uso ao trasladarse mañá mesmo os servizos á nova terminal intermodal, construída a carón da estación do ferrocarril.

Con esta actuación, a parcela quedará preparada para a construción dun novo edificio administrativo da Xunta de Galicia, cuxo proxecto está en redacción. Os edificios anexos, destinados a oficinas municipais e ao parque de bombeiros, mantéñense.

Traballos de demolición

A superficie construída a demoler son 13.301,40 m², distribuídos en tres andares. Dada a configuración do conxunto, prevese realizar a demolición practicamente na súa totalidade no interior da parcela delimitada.

As obras comezarán coa demolición do edificio pola zona de dársenas de autobuses, desmontando ferros e elementos de cuberta, as envolventes metálicas e as carpinterías. Tamén se desmontarán as estruturas metálicas e as pasarelas de conexión coa terminal de pasaxeiros e demolerase a estrutura de formigón sobre as dársenas.

A continuación, procederase á demolición do volume superior, correspondente á terminal de autobuses. Nesta fase, derruiranse as plantas superiores desde a parte alta da parcela cara aos niveis inferiores.

Na execución dos traballos, ademais de ferramentas manuais, empregarase a cizalla hidráulica, un método para a demolición de estruturas con formigón e aceiro, que ademais reduce os riscos derivados da vibración que producen outros mecanismos de percusión.

 

Servizos de transporte público

Cómpre lembrar que mañá se porá en funcionamento a nova estación intermodal de Santiago, á que se trasladan os servizos de transporte público.

As liñas de autobús, con carácter xeral, accederán directamente á nova estación por vías de alta capacidade coa fin de reducir os tempos de viaxe.

Non obstante, para dar unha resposta eficiente aos usuarios que se dirixen á zona norte da cidade, estableceranse paradas, tanto en San Caetano como en San Lázaro.

Na contorna da actual estación, habilitaranse paradas de autobuses interurbanos na zona de San Caetano, en ambos os sentidos da avenida de Rodríguez de Viguri.

Na área de San Lázaro, manteranse as actuais paradas nas contornas da capela e da rúa Clemente Fernández Sarela.

Os servizos que se prestarán con orixe ou destino na nova estación intermodal poderanse consultar dende mañá na páxina web https://www.bus.gal/gl/destacamos/202105/proxima-apertura-estacion-intermodal-de-santiago-de-compostela

Ademais, o Concello de Santiago de Compostela manterá as conexións do conxunto da cidade coa nova estación a través do transporte urbano.