A Xunta somete a información pública o acondicionamento da estrada autonómica LU-710, desde a intersección da N-VI e ata o enlace con A-6, no concello de Baralla

A actuación supera os 2,2 M€, aos que se engaden os máis de 227.000 € para o pagamento das 138 parcelas necesarias para as obras, que contan cun prazo de execución de 18 meses

Trátase do ensanche e mellora da vía, nunha lonxitude de 4,2 km, para dotala dunha plataforma ampliada a 7 metros, cun carril por sentido de 3 metros cada un

Mellorase puntualmente o trazado con variantes para aumentar a visibilidade e remodelarase a intersección coa N-VI, dispoñendo un carril central de espera e cuñas de cambio de velocidade

O departamento que dirixe Ethel Vázquez remitiu ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a proposta para o financiamento desta intervención no marco dos fondos Next Generation

As achegas a este proxecto poderán formularse desde mañá e ata o 2 de xullo

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto para executar as obras de mellora e acondicionamento da estrada LU-710, desde a intersección coa N-VI e ata o enlace con A-6, no concello de Baralla.

O orzamento estimado pola Xunta para levar a cabo a execución desta actuación supera os 2,2 millóns de euros, aos que se engaden os máis de 227.000 euros para o pagamento das 138 parcelas necesarias para executar as obras. Os traballos disporán dun prazo de execución de 18 meses.

As persoas que o consideren oportuno poderán formular observacións á concepción global do trazado deseñado durante un período de 30 días hábiles, contados a partir de mañá, é dicir, ata o día 2 de xullo. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio: https://xurl.es/bhjc1 .

As actuacións obxecto desta actuación comprenden o ensanche e mellora da estrada LU-710 entre a N-VI e a A-6, nunha lonxitude de preto de 4,2 quilómetros.

A estrada autonómica, unha vez acondicionada, contará cunha plataforma ampliada a 7 metros de sección, sen incluír as cunetas, cun carril por sentido de 3 metros cada un e beiravías de 0,5 metros.

Ademais, mellorase puntualmente o trazado con variantes, para aumentar a visibilidade e a perceptividade en tramos concretos da estrada, o que implementará a seguridade viaria.

Tamén se remodelará a intersección coa N-VI, cunha solución que canaliza, cun carril central de espera e cuñas de cambio de velocidade, os dous xiros á esquerda que actualmente se realizan de forma directa.

O proxecto redactado polo departamento de Infraestruturas e Mobilidade realízase baixo un criterio de respecto co medio ao discorrer por unha zona con gran valor ambiental e paisaxístico, a ribeira do río Neira, e cunha orografía moi accidentada.

Para esta actuación o departamento que dirixe Ethel Vázquez remitiu xa unha proposta de financiamento ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana no marco do programa Next Generation, na liña priorizada pola Xunta para a mellora da mobilidade no rural. A Xunta depende da disposición do Ministerio para que se inclúa esta liña de actuación nas elixidas para remitir á Unión Europea para o seu financiamento cos fondos europeos extraordinarios para a recuperación económica.