O presidente da Xunta visitou hoxe o centro de saúde de As Pontes

Feijóo avanza un novo investimento de máis de 3 millóns para renovar os sistemas de climatización de polo menos 10 centros de atención primaria, mellorando a eficiencia e o confort

Asevera que a mellora continua da Atención Primaria emprendida pola Xunta abarca toda a área sanitaria de Ferrol

Precisa que neste 2021 duplicouse o orzamento para infraestruturas de Atención Primaria, pasando dos 26 millóns en 2020 a case os 55 millóns actuais

Incide na necesidade de que todas as administracións subscriban o Pacto de Estado, “Xa que estamos a falar dun proxecto apolítico que busca o mantemento do emprego”
 

As Pontes (A Coruña), 21 de maio de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe un novo investimento de máis de 3 millóns de euros para renovar, neste 2021, os sistemas de climatización de polo menos 10 centros de Atención Primaria, mellorando a eficiencia enerxética así como o confort dos pacientes e dos profesionais.

Durante unha visita ao centro de saúde das Pontes, que conta xa con novos equipos de climatización e iluminación, Feijóo aseverou que a mellora continua da Atención Primaria emprendida pola Xunta abarca tamén toda a área sanitaria de Ferrol. Así, neste momento, atópanse en fase de execución: o novo centro de saúde de Narón, en cuxa obra investiranse máis de 5 millóns de euros; e as melloras das envolventes térmicas do centro de saúde de Mugardos.

Estas dúas obras súmanse a outras xa rematadas, como a reforma do centro de saúde de Ortigueira, este ano; “e temos prevista tamén a sinatura dun convenio con Monfero, ademais de valorar outra ampliación do centro de saúde de Valdoviño e a do centro de saúde de Cedeira”, engadiu.

O titular da Xunta lembrou que, con este centro das Pontes, nos últimos doce anos construíronse ou reformáronse un total de 85, cun investimento de 110 millóns de euros. Nesta liña, precisou que neste 2021 duplicouse o orzamento para infraestruturas de Atención Primaria, pasando dos 26 millóns en 2020 a case os 55 millóns actuais.

Feijóo aproveitou a visita para trasladar a preocupación pola situación que atravesa a comarca de Ferrol, Eume e Ortegal; “e pola situación laboral das Pontes”, precisou, afirmando que a Xunta seguirá defendendo ante calquera Goberno central unha transición enerxética xusta.

“Imos seguir traballando para este comarca e, por iso, propoñemos un Pacto de Estado por Ferrol que remitimos ao presidente do Goberno central cun conxunto de actuacións para a consolidación de novas industrias, de proxectos tractores dos Next Generation e tamén de investimentos de servizos públicos”, aseverou, incidindo en que a térmica das Pontes non se pode desconectar mentres non se teñan unhas instalacións enerxéticas que substitúan con prezo e con calidade á central.

Así mesmo, recordou que na candidatura de Galicia aos fondos Next Generation figura As Pontes, “e espero que este concello tamén figure no mapa das respostas do Goberno central aos proxectos que presentamos”, dixo, facendo fincapé na necesidade de que todas as administracións subscriban o Pacto de Estado, “xa que estamos a falar dun proxecto apolítico que busca o mantemento do emprego, que busca establecer unha alianza para retomar a reindustrialización da comarca”, concluíu.
 

Imaxes relacionadas